O
persoal da EFA recomenda retirar os froitos afectados por monilia e botrite
tanto nas árbores como no solo
A
Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de
Pontevedra, vén de publicar un novo aviso fitosanitario no que recomenda, no
caso de viñas cun desenvolvemento excesivo de vexetación (sexa das propias
plantas como de malas herbas), facer podas en verde e rozas para evitar o mildio, xa que as condicións
meteorolóxicas da vindeira semana (as axencias falan de nubes e claros ata o
luns, con inestabilidade para o resto da semana e precipitacións máis elevadas
ao final) favorecen a retención da humidade e a aparición dos síntomas.
O
persoal técnico da EFAreeiro observou desde ausencia de novos síntomas a outras
fincas con abundantes manchas novas nos gromos tenros e avance nos antigos,
coincidindo coas viñas que tiveron problemas nas campañas. No caso dos acios,
non hai novos danos xa que a uva é menos sensible ao achegarse o pintado. De
acordo ás choivas pasadas, o modo de proceder será diferente: nas viñas que
tiveran problemas de mildio na campaña e onde se puideran lavar os produtos de
contacto aplicados xusto antes das choivas que se iniciaron o 25, haberá que
renovalos para manter protexida a vexetación (e os acios) antes das choivas
máis abundantes. Pola contra, nas viñas protexidas por un tratamento anterior
nunha zona na que tivera caído escasa precipitación, que non tiveran problemas
de mildio e onde a folla estea sa ou con poucas manchas, pode non aplicarse
este tratamento, e ata pode ser xa que ningún máis antes da vendima (pero
dependerá da evolución da meteoroloxía e da maduración da uva).
En
canto ao oídio, a situación repítese
respecto á semana anterior: na maioría de viñas hai algún gran ou acio con
oídio, cos rebuscos sans ou case limpos, novos síntomas en follas tenras en
parcelas sen tratamentos desde semanas atrás e, nas fincas nas que non se
logrou frear as infeccións previas, síntomas recentes en folla e acios. Nestas
últimas, o persoal de Areeiro recomenda renovar as intervencións canto antes
(agás se foron tratadas recentemente e as choivas aínda non lavaron os
produtos). No resto de viñas, polo de agora abondará con podas en verde para
retirar os gromos afectados e favorecer unha adecuada ventilación na contorna
dos acios, á espera do tipo de precipitacións. En función delas, podería ser
conveniente facer algunha outra intervención.
Tampouco
se observaron síntomas de botrite xa
que as condicións non foron favorables e as uvas están en bo estado. Haberá que
esperar tamén ás precipitacións porque nas viñas onde as uvas están danadas
(especialmente de variedades sensibles) pode haber problemas. Nas que rexistran
danos por botrite todos os anos, sería conveniente aplicar tratamentos
preventivos ao inicio do pintado. Do que non se esperan danos é do Black rot, cun risco reducido e
síntomas sen avance.
En
canto ás Couzas do acio, son
necesarias as trampas e os recontos de ovos e penetracións para coñecer o
momento oportuno do tratamento, en caso de que haxa que dalos porque os
resultados son elevados. No que ten que ver co mosquito verde e cicadélidos, víronse voando algúns exemplares pero
non houbo danos salientables. Os danos atribuíbles a eles serán, na maioría de
casos, por déficits hídricos, carencias nutricionais ou a acidez do solo. No
caso dos ácaros, vólvese confirmar a
presenza de acarose agora na zona de Poio.
Nas
froiteiras en xeral, a
inestabilidade favorece a aparición dos fungos responsables da monilia e
botrite. Débese eliminar os froitos maduros afectados nas árbores e no solo,
porque se non a enfermidade seguirá aparecendo.
En concreto nas maceiras, apareceron
novos síntomas de moteado por mor da humidade e as temperaturas elevadas.
Débese vixiar e volver tratar se aparecen novos síntomas porque o risco
permanece até o final da campaña. No caso das couzas da mazá, case non hai
capturas, pero a situación pode variar e cómpre facer seguimentos colocando
trampas para capturar as eirugas que se retiran a hibernar. E, nas cerdeiras, a elevada humidade tradúcese
en incidencia de Cylindrosporium padi,
que pode provocar defoliación prematura. Débense renovar periodicamente os tratamentos
e intervir con funxicidas autorizados.
Por
último, o aviso fitosanitario fai mención ao buxo onde non se evidenciaron grandes avances de Cydalima perspectalis, pero o persoal de
Areeiro volveu ver casos de plantas nas que xa se fixeran tratamentos e coas
eirugas vivas. Por iso, débese manter a recomendación da vixilancia periódica
das plantas e intervir se non se evidencia o control das eirugas.
Pontevedra, 2 de agosto de 2019
Saúdos
Gabinete de Prensa
No hay comentarios:
Publicar un comentario