Na segunda quincena de xuño realizáronse unhas 1.590
viaxes con este dispositivo nesta nova área
§ Trátase da primeira fase da ampliación
territorial do plan social de fomento do transporte público da Xunta que tamén
abrangueu toda a provincia de Ourense e que prevé o seu desenvolvemento
progresivo ata acadar o conxunto de Galicia
§
O número de mozos
con este dispositivo no municipio de Pontevedra ascende a 1.190 e 568 foron as
tarxetas Xente Nova expedidas en Marín
§
No primeiro mes de
extensión da tarxeta de transporte TMG expedíronse na área de Pontevedra 1.671 dispositivos
Un total de 2.112 menores de 21 anos da área de Pontevedra poden viaxar xa
de balde no autobús interurbano coa tarxeta ‘Xente Nova’ un mes despois da
implantación deste dispositivo.
A tarxeta ‘Xente Nova’ é unha iniciativa social de fomento do transporte
público que a Xunta puxo en marcha no ano 2016 nas áreas de transporte metropolitano
para permitir a gratuidade no transporte público a menores de 19 anos. O pasado
1 de xaneiro ampliouse a cobertura do dispositivo ata os menores de 21 anos e,
o pasado mes de xuño, a Xunta puxo en marcha este dispositivo na provincia de
Ourense, onde se están a beneficiar da gratuidade 1.004 menores de 21 anos, e en
13 concellos da área de Pontevedra: Pontevedra, Poio, Ponte Caldelas, Marín,
Vilaboa, Soutomaior, Bueu, Sanxenxo, Barro, Moraña, Campo Lameiro,
Cerdedo-Cotobade e A Lama.
Trátase da primeira fase da ampliación territorial no transporte público
dependente da Xunta, no marco da renovación integral das liñas de transporte
público interurbano de Galicia, que se desenvolverá de forma progresiva ata
acadar o conxunto da comunidade.
Nos concellos da área de Pontevedra o número de tarxetas ‘Xente Nova’
expedidas ata o momento ascende ata as 2.112, das que 1.190 son da cidade de
Pontevedra e 568 pertencen a mozos e mozas menores de 21 anos de Marín. Nesta listaxe
da procedencia de usuarios que viaxan xa de xeito gratuíto con este
dispositivo, séguelle Poio (108), Sanxenxo (93), Bueu (49), Barro (32), Campo
Lameiro (30), Moraña (17), Ponte Caldelas (13), Vilaboa (8) e Cerdedo-Cotobade
(4)
As viaxes realizadas durante a segunda quincena de xuño co dispositivo
‘Xente Nova’ nesta área suman un total de 1.590. O maior número de viaxes realizadas
de ida e volta correspóndese cos traxectos entre Pontevedra e Marín (728), entre
Pontevedra e Sanxenxo (507), entre Pontevedra e Bueu (87) e entre Pontevedra e
Poio (36).
Tarxeta TMG
A
implantación total do Plan de Transporte Público está a permitir estender
ademais ao conxunto dos usuarios do autobús interurbano da provincia de Ourense
e da área de Pontevedra as vantaxes da Tarxeta de Transporte Metropolitano (TMG),
cun 10% de desconto en todas as viaxes.
Neste
sentido, no primeiro mes de extensión da tarxeta de Transporte TMG, expedíronse
na área de Pontevedra 1.671 dispositivos.
Deste
xeito, coincidindo coa posta en funcionamento destes novos contratos, os
usuarios das liñas destas áreas teñen tamén á súa disposición un novo bono de
ata 50 viaxes mensuais, independentemente de que sexan de ida ou de volta, que
supón un desconto do 50% do custo de cada unha das viaxes sobre a tarifa das
empresas.
A posta en
marcha do Plan de Transporte Público en Galicia, no que a Xunta vai investir máis
de 70 millóns de euros ao ano para o seu mantemento, inclúe máis paradas e mais
servizos e tamén supón aplicar unha tarifa homoxénea en toda Galicia. É dicir o
custo do percorrido por quilómetro será igual en toda Galicia, de aí que as
tarifas varíen segundo o número de quilómetros dos traxectos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario