Areeiro informa que coas choivas reiteradas desta primavera están a aparecer en certos predios algunhas follas coa necrose característica da botrite. Tamén advirte do crecemento considerable dos machos capturados do tortrícido precoz do castiñeiro
A Deputación de Pontevedra aconsella manter a vixilancia ante o avance do mildio na provincia e manter ben rozada a vexetación baixo as viñas para evitar humidade excesiva e falta de ventilación que favorecen este e outros patóxenos. A Estación Fitopatolóxica Areeiro informa ademais que coas choivas reiteradas desta primavera están a aparecer en certos predios algunhas follas coa necrose característica da botrite. Tamén advirte do crecemento considerable dos machos capturados do tortrícido precoz do castiñeiro.
O persoal técnico do centro dependente da institución provincial asegura que a humidade dos últimos días é moi favorable ao avance do mildio. De feito, esta semana recolleuse o maior número de esporanxios nos captadores instalados polo proxecto Plasmowine no Salnés e en Areeiro. Ademais, tense observado manchas en formación con abundante fructificación e tamén acios sintomáticos, aínda que na viñas tratadas a situación está máis controlada. Deste xeito, e dadas as aplicacións antimildio efectuadas, Areeiro aconsella manter a vixilancia, en especial nos predios con infeccións mal controladas e, de seguir aparecendo síntomas, renovar o tratamento ou cambiar de funxicida por outro con diferente modo de acción, para previr a aparición de resistencias.
As choivas reiteradas da primavera están a provocar en certos predios a aparición de follas coa necrose característica da botrite. Ademais, poden provocar que os capuchóns florais non se desprendan ben dos acios en formación e que sobre os restos secos se instale o fungo. Deste xeito, Areeiro recomenda vixiar se finalmente se desprende o capuchón ou non para evitar o avance do fungo.
En canto ao castiñeiro, na trampa que a Deputación de Pontevedra ten instalada en Areeiro rexistráronse un número considerable de machos de tortrícido precoz. Neste eido, o persoal técnico do centro aconsella instalar trampas nos soutos e plantacións para comprobar o estado das poboacións desta especie que pode provocar a caída prematura dos ourizos e reducir, así, a colleita de castañas.
No que respecta á pataca e outras plantas de horta, Areeiro recomenda renovar o tratamento antimildio xa que o patóxeno se verá favorecido polo estado frondoso das plantas e pola evaporación da auga do solo. E, en canto á bolboreta do buxo, aínda que si se detectaron crisalides, non se capturaron adultos nas trampas instaladas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario