A Deputación mobiliza máis de 17 millóns de euros para potenciar o seu compromiso coa mellora e o perfecto estado das estradas provinciais - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

domingo, 26 de mayo de 2024

A Deputación mobiliza máis de 17 millóns de euros para potenciar o seu compromiso coa mellora e o perfecto estado das estradas provinciais

 


12,7 millóns de euros serán para actuacións de urbanización e humanización, mediante a incorporación de sendas peonís, e para actuacións de mellora da seguridade viaria e sinalización

Outros 4,44 millóns de euros irán dirixidos á conservación de firmes, para asegurar o óptimo estado das vías provinciais

En dous meses o goberno provincial foi quen de mobilizar preto de 57 millóns de euros para conservar e mellorar as estradas da súa titularidade

 A Deputación de Pontevedra acaba de dar luz verde á mobilización de máis de 17 millóns de euros no marco da súa aposta por impulsar melloras e garantir o perfecto estado nas estradas provinciais. Con estes recursos, a institución provincial acometerá traballos de urbanización e humanización, mediante a incorporación de sendas peonís, así como para mellorar a seguridade viaria e conservar o firme nas estradas da súa titularidade.

En concreto, máis de 12,7 millóns de euros –consignados tras unha modificación de crédito— irán dirixidos a asinar convenios cos concellos para impulsar proxectos centrados na urbanización ou humanización das vías provinciais, principalmente a través da posta en marcha de novas sendas que garantan a seguridade dos peóns que por elas transitan. Ademais, con estes recursos tamén se executarán tarefas de seguranza viaria e mellora da sinalización das estradas provinciais.

Pola súa banda, outros 4,44 millóns de euros irán destinados este ano exclusivamente á conservación do firme das estradas provinciais, en liña co compromiso do Goberno provincial de manter estas vías en perfectas condicións. Trátase do acordo marco de conservación de firmes, con posibilidade de prórroga doutros tres anos máis que suporía unha mobilización total de 17,76 millóns de euros para conservar as estradas provinciais. A través desta iniciativa desenvolveranse operacións localizadas de mantemento da capacidade portante dos firmes e operacións complementarias de reposición da sinalización horizontal.

A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, remarcou que “gobernamos para mellorar a calidade de vida da xente e, para conseguilo, é prioritario ter as estradas provinciais, que vertebran todo o noso territorio, en perfectas condicións. Estes recursos que ascenden a máis de 17 millóns de euros son un paso máis no marco do noso compromiso coas nosas veciñas e veciños, para que poidan transitar por estradas provinciais con todas as garantías e seguridade”.

En só dous meses, lembrou Couselo, a Deputación foi quen de mobilizar preto de 57 millóns de euros para as estradas de titularidade provincial. Así, a estes máis de 17 millóns de euros, cómpre agregar os 38,9 millóns previstos para os vindeiros catro anos (máis un de prórroga) para tarefas de mantemento, divididos en tres lotes: norte, centro e sur. O expediente de contratación foi aprobado no Pleno ordinario do mes de marzo.

Estado deficiente das estradas nacionais

Neste eido, Couselo lamentou que o Goberno de España non siga o exemplo da Deputación e faga o mesmo coas estradas da súa titularidade que atravesan a provincia xa que, “a ausencia de mantemento nestas vías estatais  e os escasos recursos destinados a elas, converte a estas vías en espazos pouco seguros e en mal estado de conservación”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario