A Oficina de Transformación Comunitaria prestará os servizos de difusión, acompañamento e asesoramento gratuíto para impulsar a creación de comunidades enerxéticas nos concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes
O deputado Javier Tourís supervisou as actuacións que se están a acometer no recinto para acoller a oficina
A Deputación de Pontevedra prepara as instalacións do Centro de Servizos e Apoio Empresarial de Barro para acoller a Oficina de Transformación Comunitaria desde a que se prestarán os servizos de difusión, acompañamento e asesoramento gratuíto para impulsar a creación de comunidades enerxéticas nos concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes. O deputado de Acción Comunitaria, Equipamentos Públicos e Finca Areeiro, Javier Tourís, acaba de supervisar as actuacións que se están a acometer no recinto onde se situará a oficina.
O espazo contará cunha zona de oficinas de 85 metros cadrados con sete postos de traballo totalmente amoblados e equipados, así como unha sala de reunións e outra multiusos onde se poden organizar e celebrar eventos. Ademais deste espazo fixo, a Oficina de Transformación Comunitaria da Deputación contará tamén cunha oficina móbil, para dar a coñecer a súa labor e prestar os seus servizos en toda a xeografía da provincia de Pontevedra.
Coa Oficina de Transformación Comunitaria a Deputación de Pontevedra pretende impulsar a posta en marcha de comunidades enerxéticas na provincia. Deste xeito, a través desta oficina prestarase un servizo gratuíto tanto a persoas físicas, como a pequenas e medianas empresas, administracións locais, comunidades de montes, grupos de acción costeira, grupos de desenvolvemento rural ou calquera outra entidade análoga que desexe crear estas comunidades.
No hay comentarios:
Publicar un comentario