Mañán martes 31/05/2011 publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG) as convocatorias de axudas para a adquisición dos libros de texto para o curso 2011/2012, coas que se favorece que os escolares das familias con menos recursos poidan ter manuais en propiedade totalmente subvencionados.
O prazo de solicitude será do 1 ao 30 de xuño para o alumnado de primaria; do 25 de xuño ao 26 de xullo para o da ESO que formalice matrícula no prazo ordinario, e o 1 ao 30 de setembro para os que a formalicen no extraordinario. As solicitudes e demais información poderán consultarse no DOG e no portal educativo da Xunta de Galicia, www.edu.xunta.es.
Axudas á adquisición de libros.
O programa de Gratuidade Solidaria para o curso 2011/2012 mantén os umbrais da renda das convocatorias anteriores, tomando como referencia a situación persoal e familiar a 31 de decembro de 2009 e o exercicio fiscal 2009.
A convocatoria de axudas á adquisición de libros de texto en 1º e 3º da ESO, cursos que se incorporan este ano por primeira vez ao programa e nos que os manuais teñen un prezo superior, mantén bolsas de 180 euros por estudante para as familias monoparentais cunha renda per cápita de ata 6.000 euros, 5.400 euros para o resto das familias, é dicir, para o primeiro tramo dos contemplados; e de 104 para as monoparentais cunha renda por persoa de entre 6.001 e 9.000 euros, 5.401 e 9.000 no caso do resto das familias (segundo tramo).
Ademais, como xa se sinalou, o alumnado matriculado en educación especial, en centros específicos ou en unidades de educación especial en centros ordinarios poderá percibir axudas de 250 euros con independencia da renda pér cápita familiar.
Respecto das bolsas para os libros de 1º, 2º, 5º e 6º de Primaria, establécense axudas de 170 euros por alumno para o devandito primeiro tramo de renda per cápita, de tal forma que o importante da bolsa sexa suficiente para que as familias con menos recursos poidan adquirir os libros. Para as axudas do segundo tramo haberá axudas de 90 euros.
Máis información na web de Educación da Xunta de Galicia ou en Servizos Sociais do Concello de Barro
No hay comentarios:
Publicar un comentario