Tras
o éxito da primeira edición, a institución provincial organiza este programa no
que poden participar entre 16 e 22 proxectos emprendedores
Este espazo
coworking é froito da colaboración entre EOI e a Deputación de Pontevedra e
conta con financiación do Fondo Social Europeo
A Deputación de Pontevedra e a Escola de Organización
Industrial (EOI) lanzan a segunda convocatoria para a solicitude dos espazos de
coworking do Viveiro de empresas de Barro, que dará cabida a entre 16 e 22 proxectos
emprendedores da provincia. A través desta convocatoria, que dará comezo
durante a primeira semana de xuño, as e os beneficiarios disporán dun espazo de traballo gratuíto durante
5 meses así como dun programa de asesoramento personalizado impartido por
persoal experto, formación para potenciar as competencias en emprendemento e en
xestión de proxectos e acceso aos laboratorios de fabricación dixital que se
atopan no mesmo centro.
Os proxectos seleccionados seguirán un proceso de
asesoría personalizada de 40 horas por parte de persoal experto. O asesoramento
ten por obxectivos acompañar ás e aos emprendedores dende o deseño do modelo de
negocio ata a súa posta en marcha e a optimización do proxecto, dando resposta
ás necesidades que aparezan no camiño.
Ademais, desenvolveranse máis de 60 horas de formación
especializada en diversas temáticas que se tratarán en obradoiros e sesións
formativas grupais para potenciar as competencias en emprendemento e en xestión
de proxectos. Os cursos abordarán por exemplo a consolidación e validación do
modelo de negocio seguindo a metodoloxía "Lean StartUp", as habilidades
e ferramentas para o emprendemento ou materias específicas para o impulso e
despegue do proxecto empresarial.
Por outro lado, celebraranse diferentes actividades
encamiñadas a potenciar o networking e compartir boas prácticas, contando coa
experiencia doutras iniciativas emprendedoras, persoas expertas e empresariado.
Como peche a cada unha das edicións, celebrarase un Demo Day durante o cal se
presentarán os proxectos participantes no espazo coworking, a súa evolución e
as posibilidades de colaboración cos mesmos.
As e os participantes no coworking terán acceso tamén de
maneira gratuíta ao novo FabLab (Laboratorio de Fabricación Dixital) da Deputación
de Pontevedra, que está situado no mesmo espazo do viveiro de Barro, e onde
contase con equipamento de fabricación dixital (impresoras 3D, escáneres 3D,
kits de Arduino, fresadora de madeira, soldadores de electrónica, material
electrónico diverso, utillaxe, etc.). Nestes laboratorios desenvolveranse unha
completa programación de talleres específicos de fabricación dixital para
promover o coñecemento e uso desta tecnoloxía. Deste xeito, calquera
emprendedor ou emprendedora que o precise poderá experimentar e prototipar o
seu deseño nestas innovadoras instalacións.
As iniciativas empresariais interesadas en participar nesta segunda convocatoria
poderán cursar as súas solicitudes na páxina web: https://www.eoi.es/es/espacios-coworking/pontevedra-2aedicion/admision.
O obxectivo principal do coworking é fomentar o
emprendemento e aumentar as posibilidades de éxito dos proxectos emprendedores
que participen nestes espazos compartidos nun período limitado de tempo,
identificando os proxectos con máis potencial de desenvolvemento. Desta forma,
a EOI e a Deputación de Pontevedra buscan que os proxectos participantes poidan
incorporarse en aceleradoras e cubrir así a seguinte fase no desenvolvemento
das súas empresas.
O viveiro
de empresas de Barro dispón dun espazo de coworking de 125 metros cadrados, que
conta con postos de traballo, unha zona para descanso e networking, e unha sala
de reunións.
No hay comentarios:
Publicar un comentario