O persoal técnico destaca que
só é preciso tratar se se observan síntomas
Indícase que é un momento de
elevada sensibilidade ao Mildeu
A Estación
Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén
de advertir no seu último aviso fitopatolóxico da detección dos primeiros
síntomas de Oídio sobre plantas da variedade tinta nas viñas. Ata o de agora,
segundo explican, o síntoma era moi
incipiente e limitábase só a un gromo da liña de plantas, mais aconséllase
incrementar a vixilancia e tratar se se observan síntomas, tendo en conta que
nas cepas de albariño non se advertiu aínda ningún problema a pesar de non teren
aplicado aínda ningún tratamento.
Por
outra parte, nesta semana o persoal técnico indica que houbo condicións
relativamente favorables ao Mildeu e á súa esporulación algúns días, sendo un
momento de elevada sensibilidade á enfermidade. De feito, atopouse a primeira
mancha de aceite nas fincas da rede de seguimento onde aínda non tiñan
aparecido e tamén noutras visitadas. “Varias destas fincas –explica a técnico
Rosa Pérez-, algunha delas con dous tratamentos antimildio xa realizados, mesmo
presentaban manchas ben esporuladas, o que indica que é fundamental revisar a
eficacia das aplicacións”.
Neste
sentido, e dado que para este fin de semana hai previsión de certa
precipitación (aínda que acompañada por un descenso de temperaturas mínimas) é
preciso revisar moi ben os viñedos pois se chove máis de 10 l/m2 producirase o
lavado da compoñente de contacto que poida levar o funxicida que se empregou no
tratamento anterior e se reducirá o período de protección dos restantes. Por
outra parte, se as temperaturas nocturnas son suaves, pode haber esporulación e
polo tanto contaminacións secundarias (ademais das primarias que poda seguir
habendo).
Por
outra parte, en relación ás couzas do acio, as capturas de Lobesia botrana nas trampas instaladas nas parcelas de seguimento
son diferentes, pero en ningún caso se advertiron síntomas da primeira
xeración. Si que se detectaron as primeiras capturas de cicadélidos nas trampas
dalgunhas parcelas, pero a súa presenza só é moi puntual, e, en canto á
erinose, esta semana víronse máis síntomas pero continúan sen acadar os niveis
da campaña anterior.
Outros cultivos
A situación
fitosanitaria xeral observada é boa no tocante á maceira, mais detectouse nesta
semana un incremento notorio canto á presenza de síntomas de oídio nas fincas
onde xa se detectara previamente. Ademais, tamén fixo a súa aparición nos
gromos doutras zonas. “En todos os casos onde o observamos a porcentaxe de
gromos afectados non era elevada, pero convén incrementar a vixilancia. Por
outra banda, tamén detectamos nesta semana o primeiro síntoma de moteado na
nosa finca de Areeiro, sobre unha maceira da variedade Golden”, advirte Pérez.
Do mesmo
xeito que sucedeu noutros cultivos, nesta semana tamén se viron síntomas de
oídio en follas de marmeleiro, unha especie vexetal ten variedades que son moi
sensibles a esta enfermidade polo que convén dar un tratamento naquelas plantas
con presenza do fungo.
No
relativo ás cerceiras, víronse síntomas de cribado e Cylindrosporium padi en
diferentes zonas, aínda que a súa presenza non é importante, mais é de esperar
que continúen avanzando, polo que hai que incrementar a vixilancia.
Do mesmo
xeito que noutras especies froiteiras e ornamentais tamén se advertiron
colonias de pulgóns en moitas cerdeiras. Salvo que se trate de variedades de
uso para parques e xardíns (en cuxo caso os enrolamentos das follas xerarían
unha perda na estética), en xeral non soen requirir un tratamento en planta
adulta, pero si pode ser necesario en plantóns.
Finalmente,
e en relación á bolboreta do buxo, Cydalima
perspectalis, hai que indicar que naquelas sebes que xa amosen defoliacións
evidentes a causa da alimentación das eirugas desta bolboreta pódese facer unha
pequena poda para estimular a aparición de novos gromos, que haberá que seguir
vixiando debido a que esta especie ten varias xeracións anuais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario