Nesta segunda edición, a Deputación organiza tres cursos gratuítos para
preparar ás persoas inmigrantes para a
obtención do Diploma de Español como Lingua Estranxeira
Recibíronse case un centenar
de solicitudes de persoas de 15 nacionalidades. Os resultados do
pasado ano foron moi positivos, o 80,64% do alumnado superou a proba DELE
A segunda edición dos cursos de
español para persoas inmigrantes que organiza a Deputación de Pontevedra
comezarán este luns 21 de maio no edificio administrativo da Deputación e na
sede da institución provincial en Vigo. Estes cursos, gratuítos, están
destinados a persoas inmigrantes en situación administrativa regular, maiores
de 16 anos, que precisen preparar o
exame do DELE A2 para a obtención da nacionalidade española.
En Pontevedra as clases
comezarán este luns ás 09.30h e alongaranse ata o 5 de xuño. Este curso, cuxo
horario será de 09.30h a 12.30h, contará con dous días de repaso os días 10 e
11 de setembro. Pola súa banda, en Vigo, as clases serán de 16.00h a 19.00h e
tamén contarán con dúas xornadas de repaso os mesmos días de setembro. O terceiro
e último curso desta segunda edición terá lugar entre o 17 de setembro e o 2 de
outubro na sede de Vigo da Deputación de Pontevedra.
Estes cursos están orientados á
obtención do nivel A2 de español no Marco Común Europeo de Referencia para as
Linguas (MCER) expedido polo Instituto Cervantes, requisito necesario para a
adquisición da nacionalidade española. Para obtelo é necesario superar unha
proba que precisa dunha preparación previa, cun custo económico, que dificulta
o acceso á nacionalidade española para un determinado sector da poboación,
impedíndolle o seu proceso de integración na provincia e favorecendo procesos
de exclusión social.
Os cursos que promove a Deputación
pretenden impedir esta situación e facilitar que todas as persoas inmigrantes
teñan a posibilidade de acceder á preparación do DELE. Son integramente
subvencionados pola Deputación, incluíndo o custe de matrícula, e serán
impartidos por persoal docente do Centro de Linguas da Fundación Universidade
de Vigo.
En xeral, mediante esta
formación prepararase ás persoas inmigrante para poder realizar probas de
compresión de lectura, de comprensión auditiva, de expresión e interacción
escrita e oral. Os resultados dos exames realizados ata o momento foron moi
positivos resultando que o 80,64% do alumnado superou a proba DELE (Diploma de
Español como Lingua Estranxeira), do nivel A2, podendo deste modo solicitar a
nacionalidade española.
Para os tres cursos desta
segunda edición, que ofertaba 60 prazas, recibíronse case un centenar de solicitudes
de 15 nacionalidades diferentes: Marrocos, Ghana, Nixeria, Senegal, Ucraína,
Siria, Brasil, Paquistán, Rusia, Georgia, Hungría, Kenia, Mali, Angola e Costa
de Marfil.
No hay comentarios:
Publicar un comentario