O persoal técnico apunta que
os acios están iniciando a maduración, sobre todo nas comarcas do sur, onde
poderá haber un adianto da vendima
A Estación Fitopatolóxica de
Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de aconsellar
aos viticultores que aseguren a protección da viña fronte á botrite ata o
momento da vendima. Neste sentido, aseguran que en caso necesario –se se
producen precipitacións ou tormentas no inicio da próxima semana- deberá
aplicarse un funxicida dirixido aos acios, sempre respectando o prazo de
seguridade.
O persoal técnico sinala que os
acios están practicamente no pleno pintado ou mesmo algúns xa inician a súa
maduración propiamente dita, sobre todo nas comarcas do sur da provincia, polo
que se mantén a data estimada da vendima para a terceira ou última semana de
setembro. En calquera caso, sublíñase que dado que a calor desta semana
favoreceu que nalgunhas fincas do sur aumentase o grao alcohólico de xeito
significativo, pódese dar un adianto se o tempo se mantén seco e estable no
futuro.
En canto á botrite, a EFA
subliña que coas condicións climáticas destes días non se observaron síntomas do
patóxeno. Non obstante, destaca que é necesario permanecer alerta se finalmente
se producen precipitacións ou tormentas para luns e martes, pois o incremento
de humidade xerará un aumento no volume de esporas do fungo que pode obrigar a
aplicar un tratamento que, nese caso, si sería xustificado.
De feito, dado que este ano foi
húmido en xeral e, sobre todo en fincas onde houbo danos na uva ou naquelas de
variedades sensibles, a técnica Rosa Pérez indica que é “aconsellable” protexer
a viña fronte a este fungo. “Para iso, en caso de que sexa necesario por cambio
nas condicións climáticas, aplicarase un funxicida antibotrítico dirixido aos
acios, respectando sempre o prazo de seguridade, xa que hainos biolóxicos sen
prazo, e tamén de orixe química de diferente intervalo”, di.
Dado que a maioría das grandes
adegas limitaron a este fin de semana ou aos próximos días o último tratamento
da campaña sobre a base da vendima, é preciso que os viticultores que teñan
limitación de intervir de aquí en diante por limitación de datas dos adegueiros
consulten a cada persoal técnico correspondente e aseguren sempre a correcta
aireación dos acios.
Por outra banda, dende a EFA
destácase que nesta semana hai que destacar o novo incremento na presencia de
erinose de verán, que mesmo se observa sobre plantas moi novas, así como dun
aumento de acios afectados de golpes de sol, que apareceron desde iniciando o
proceso ata presentando xa grans escaldados.
Finalmente, sublíñase que a día
de hoxe non son de agardar problemas destacados por Mildeu, nin por couzas do
acio (xa que diminuíron as capturas), nin por cicadélidos. Hai que apuntar que
aínda que os acios están fóra de perigo con respecto ao Oídio, é importante que
os que estean atacados sexan retirados pensando na seguinte campaña.
Nota: Os medios que precisen máis información ou imaxes
dos patóxenos poden utilizar, citando a súa procedencia, os documentos e
gráficos existentes na páxina web da EFA (http://www.efa-dip.org/es/servicios/Info_Fitosanitaria/Avisos/ultimo.HTM). As radios e tv
poden contactar coa técnica Rosa Pérez Otero para tomar audios e vídeos do presente aviso
fitopatolóxico.
Pontevedra, 24 de
agosto de 2018
Saúdos
Gabinete de
Comunicación
No hay comentarios:
Publicar un comentario