O persoal técnico sinala que as
altas temperaturas non favorecen a propagación das enfermidades da viña
derivadas de fungos pero si as ocasionadas por insectos
A Estación
Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra,
aconsella vixiar a couza do acio nas viñas da provincia, aínda que na situación
actual non recomendan tratamento. O persoal técnico da EFA indica no seu aviso
fitosanitario semanal que nas revisións realizadas en diferentes parcelas, xa
se evidenciaron perforacións larvarias e buracos de penetración das eirugas de
Lobesia botrana, o insecto causante da couza, mais indican que os danos non
chegan de momento aos limiares de tratamento. A técnico Rosa Pérez asegura que
as altas temperaturas non favorecen a propagación de enfermidades ocasionadas
por fungos, como o mildeu ou o oídio, pero si o desenvolvemento de insectos. A
este respecto, tamén indica que os ovos e as eirugas de Lobesia botrana non
toleran a insolación, polo que as actuais temperaturas extremas debería
afectarlles negativamente. Polo tanto, a
técnico aconsella seguir a evolución dos acios nos vindeiros días e
aplicar tratamento unicamente se se supera o limiar de tolerancia.
Con respecto ao Mildeu, desde a EFA explican que é sabido que este patóxeno
perde vitalidade cando se superan os 30 graos de temperatura durante 5 ou 6
horas, situación que xa se cumpriu. Isto, unido á previsión de tempo estable para
a vindeira semana, dá como resultado que o risco de infección sexa cada vez
menor. Indican, ademais, que non se observan novos síntomas de mildeu nas viñas
tratadas, e que a vixilancia será necesaria naqueles casos de orballos ou
néboas densas. Insisten en que é preciso retomar as labores de poda en verde
que, aínda que xa se tiveran feito, volven ser necesarias en moitas viñas.
Sobre o mildeu, desde a EFA están constatando casos nos que os viticultores
están aplicando, como norma de actuación, tratamentos excesivamente curtos, de
5 días, ou mesmo doses por riba das máximas recomendadas polos fabricantes, e
advirten que estas prácticas son totalmente desaconsellables.
En canto ao Oídio,
desde a EFA aseguran que esta enfermidade non debería aparecer xa nas parcelas
sas, e que nas afectadas debería estabilizarse. Indican que só hai posibilidade
de que se produza un filtrado de luz solar por néboas, condicións que favorecen
o fungo, e que nestes casos hai que manter a vixilancia. Explican que o oídio
ten un desenvolvemento óptimo a temperaturas que se sitúan entre os 25 e os 30
graos pero que por riba dos 33-35ºC a xerminación xa non se produce.
En relación á
Botrite e ao Black rot indican que o clima tan cálido e maioritariamente seco
desta ola de calor non favorecerá o desenvolvemento destas enfermidades. En
canto a ácaros e erinose, informan que na revisión semanal non apareceron
avances.
A maiores da viña, desde Areeiro insisten na importancia de tratar a
denominada ‘praga do buxo’. A Cydalima perspectalis segue no seu estado máis
agresivo, debido a que as eirugas están no seu estado máis voraz, e están a
provocar defoliacións intensas. É preciso aplicar un tratamento, mollando ben
as plantas en todas as súas caras e antes de que a planta quede totalmente
defoliada, caso no que o tratamento xa non sería eficaz.
Nota: Os medios que precisen máis información ou imaxes
dos patóxenos poden utilizar, citando a súa procedencia, os documentos e
gráficos existentes na páxina web da EFA (http://www.efa-dip.org/es/servicios/Info_Fitosanitaria/Avisos/ultimo.HTM). As radios e tv
poden contactar coa técnica Rosa Pérez Otero para tomar audios e vídeos do
presente aviso fitopatolóxico.
Pontevedra, 3 de
agosto de 2018
Saúdos
Gabinete de Comunicación
No hay comentarios:
Publicar un comentario