CASE 40 CONCELLOS DA PROVINCIA PARTICIPARÁN NO PROGRAMA “TECENDO LAZOS” CO OBXECTO DE CREAR ESPAZOS DE ENCONTRO ENTRE DISTINTAS XERACIÓNS - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

jueves, 16 de agosto de 2018

CASE 40 CONCELLOS DA PROVINCIA PARTICIPARÁN NO PROGRAMA “TECENDO LAZOS” CO OBXECTO DE CREAR ESPAZOS DE ENCONTRO ENTRE DISTINTAS XERACIÓNS




O programa diríxese a persoas de entre 6 e 99 anos e busca promover estratexias para o encontro e o intercambio de aprendizaxes entre pequen@s e maiores

Os obradoiros vanse desenvolver entre setembro e decembro, incluíndo o módulo “A historia do meu municipio” para afondar na historia de cada concello

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a solicitude de adhesión do concello de Meaño ao programa “Tecendo Lazos”, ao que a institución provincial destina este ano 60.000 euros. Con este municipio complétase o total de 38 concellos que van participar este ano na iniciativa, cuxa finalidade é promover encontros interxeracionais entre pequen@s e maiores.

O programa “Tecendo Lazos” diríxese a persoas con idades comprendidas entre os 6 e os 99 anos e ten por obxectivo crear espazos de encontro entre as distintas xeracións familiares, sensibilizar e intercambiar aprendizaxes, recursos, ideas e valores. En total, vanse desenvolver un mínimo de 52 obradoiros interxeracionais no ámbito do lecer e do tempo libre, a través dos cales se pretende poñer en marcha espazos para o encontro entre as xeracións máis novas e as máis maiores.

A partir de agora, cada concello establece os seus propios prazos de inscrición para os obradoiros, que se van desenvolver entre setembro e decembro. Terán que ter un mínimo de 10 persoas e un máximo de 30, cun mínimo do 40% de menores.  A súa duración será de 16 horas e axustaranse a cinco áreas temáticas diferentes: “Risas en familia”, “Xogos e xoguetes tradicionais: xogando en familia”, “O noso son: bailes e cancións de agora e de sempre” e “Faino ti”.

 Todos os obradoiros incluirán o módulo  “A historia do meu municipio”, a través do que se pretende que as persoas participantes se acheguen máis polo miúdo á historia do seu propio concello, recompilando historias, lendas, contos ou fotografías dos mesmos. Cada municipio elaborará un traballo que se presentará a un concurso, no que o gañador recibirá un premio consistente nun lote de produtos. Na pasada edición de 2017 o concello da Lama foi o gañador co proxecto “Andando gaña o muíño, que parado está perdido”.

“Tecendo Lazos” diríxese aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, que se adheriron ao programa en canto saíron publicadas as súas bases no BOP o pasado mes de maio. Coa última incorporación de Meaño, os outros municipios que van pór en marcha esta iniciativa son: Baiona, Barro, Caldas de Reis, Campo Lameiro, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, A Lama, Meis, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, O Porriño, Portas, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Valga e Vila de Cruces.

No hay comentarios:

Publicar un comentario