AREEIRO DESTACA QUE O BO TEMPO ACELEROU A MADURACIÓN DA UVA ALBARIÑA - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

domingo, 1 de septiembre de 2019

AREEIRO DESTACA QUE O BO TEMPO ACELEROU A MADURACIÓN DA UVA ALBARIÑA



Os técnicos da Estación Fitopatolóxica recomendan aos viticultores facilitar a ventilación dos acios para previr a botrite

A Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de publicar o último aviso fitosanitario semanal da actual campaña, debido á proximidade da vendima e da colleita doutras froitas, no que informa de as  boas temperaturas desta semana facilitaron o aceleramento da maduración da uva albariña nas parcelas de seguimento habituais (practicamente todas as uvas están xa brillantes), constatado no laboratorio da entidade.

En canto ás principais enfermidades da viña, no caso do mildio, incrementáronse as manchas recentes debido as condicións rexistradas (as choivas do día 18) e á non realización de tratamentos cúpricos desde hai tempo. Con todo, desde a EFA sinalan que as temperaturas tan elevadas destes días provocarán, nalgunha zona, unha perda da capacidade de xerminar das fructificacións do fungo. Por outra banda, nas zonas altas dalgunhas viñas en emparrado, onde non chegaban os tratamentos, os técnicos observaron xa unha defoliación, sen incidencia sobre a produción porque hai vexetación suficiente este ano. O persoal da Estación recomenda que tanto nesas viñas como naquelas outras onde vaian aparecendo manchas de xeito significativo, así como nas que tiveran sufrido ataques mal controlados da enfermidade nalgún momento da campaña, se realice un tratamento cúprico despois da vendima antes da caída das follas, para favorecer o bo agostado da madeira e reducir tamén o nivel de inóculo do fungo para a seguinte campaña.

No que se refire ao oídio a situación observada polo persoal da EFA nas parcelas visitadas reflicte novos síntomas en folla en nos acios rebuscos nalgunhas viñas, aínda que non é a situación dominante.

Por outra banda, Areeiro destacou que en varias parcelas os viticultores eliminaran os acios máis afectados pola enfermidade da botrite. Esta práctica, unida ao clima dos últimos días, fixo que en xeral se observase un bo estado das uvas, tanto de albariño como doutras variedades máis sensibles a este patóxeno. Non obstante, aínda queda tempo para a vendima e, debido á que a día de hoxe non hai coincidencia nas predicións meteorolóxicas das axencias consultadas (algunhas anuncian tempo seco e outras dan precipitacións entre o domingo 25 e o 4 de setembro), poden producirse novas infeccións. Deste xeito, a EFA subliña a importancia das operacións destinadas a mellorar o microclima arredor dos acios, que deben estar aireados, aínda que convén realizalas moderadamente, xa que nalgunhas parcelas obsérvanse acios con danos por exceso de insolación.

No que se corresponde coas couzas do acio, nas viñas da rede de seguimento apenas se observou algunha penetración moi illada de couza (nas trampas non se capturou ningún adulto), aínda que algún técnico informou de danos significativos nalgunhas viña, que superaban incluso o limiar de tratamento. Este limiar ten que ver coa influencia sobre a podre das perforacións das eirugas, polo que a estas alturas da campaña as opcións que propón Areeiro son retirar os grans ou acios afectados (se é posible por ser unha superficie pequena) ou ben aplicar un produto cun prazo de seguridade de 7 días ou por sen el (substancias naturais), tendo en conta, que estes insecticidas non penetran no interior das uvas, polo que o control será parcial.

Tampouco este semana se houbo capturas do primeiro adulto de Scaphoideus titanus (o vector da enfermidade da flavescencia dourada) pero a EFA manterá a rede de trampeo instalada para realizar algunha revisión máis ata outono. E en canto ao resto de cicadélidos, apenas se viu algún adulto de mosquito verde, e houbo novas capturas en poucas trampas. Neste senso, Areeiro destaca que, en xeral nesta campaña, polo menos nas parcelas de seguimento, non houbo grandes poboacións.

 E no caso dos ácaros, esta semana se atoparon síntomas de acariose nunha planta abandonada na zona de Bueu, que tamén presentaba ovos de araña vermella, e tamén máis presencia de erinose de verán nas fincas onde xa se detectara o ácaro.

Por outra banda, Areeiro resaltou que, ademais dos acios con golpes de sol, das plantas con síntomas de enfermidades da madeira ou dos crecentes danos por avespas ou paxaros nas uvas, esta semana detectouse unha viña con podremias secundarias (non botrite) asociadas probablemente a picaduras de dípteros, e de cada vez máis frecuentes síntomas de tisanópteros (trips), especialmente na comarca do Salnés e tamén na IXP Ribeiras do Morrazo, polo que a partir desta campaña estará pendente tamén destes insectos.

En canto á maceira, esta semana non se observou nova sintomatoloxía do moteado, aínda que a EFA sinala que en períodos húmidos e cálidos que poidan vir aínda poderá haber infeccións, especialmente sobre plantas de variedades sensibles. Coa colleita de boa parte das variedades en curso ou cerca, en lugar de aplicar tratamentos químicos hai que garantir a aireación das plantas e, nas plantacións de pequeno tamaño, recoméndase retirar e destruír os froitos moi afectados. Nestas variedades tamén será aconsellable a aplicación dun tratamento con un funxicida cúprico despois da colleita para reducir o potencial de enfermidade para a campaña seguinte.

Tampouco houbo esta semana capturas de couzas do acio nas trampas da rede de seguimento, pero se recomenda manter a vixilancia antes da colleita. Tamén suxiren aos agricultores que non esquezan retirar as bandas-trampa de cartón ondulado que se instalaron para a captura das eirugas hibernantes.

Por último, no que se refire ao buxo, nas revisións non se observaron danos destacables por Cydalima perspectalis. Non obstante, Areeiro detectou esta semana eirugas dos últimos estados, crisálides, pero tamén xa un adulto e a primeira posta da nova xeración, polo que indica que este ano haberá que manter a vixilancia un mes máis.



No hay comentarios:

Publicar un comentario