INFRAESTRUTURAS SACA A EXPOSICIÓN PÚBLICA o proxecto de mellora da seguridade viaria na PO-531 EN bretoña, barro - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

sábado, 21 de diciembre de 2019

INFRAESTRUTURAS SACA A EXPOSICIÓN PÚBLICA o proxecto de mellora da seguridade viaria na PO-531 EN bretoña, barro



                                                                                                                            
  • O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá esta estrada, destacando que se executará unha reforma desta estrada con interseccións de xeito que nela se apoie, posteriormente, unha senda peonil e ciclista
  • O orzamento da obra será de case 1.645.000 euros

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou hoxe a PO-531 á altura de Bretoña, no concello de Barro,  onde a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vai poñer en marcha unha obra de mellora da seguridade viaria de xeito que se facilite posteriormente a instalación dunha senda peonil e ciclista.

Na visita, o delegado territorial estivo acompañado do xefe da Axencia de Infraestruturas en Pontevedra, Manuel Ángel González Juanatey, o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, varios concelleiros do Partido Popular así como representantes dos veciños, co seu presidente a cabeza, Manuel Corredoira.

Segundo informou Cores Tourís, a Consellería acaba de sacar no Diario Oficial de Galicia a exposición pública este proxecto que permitirá mellorar  a seguridade viaria nesta zona de Bretoña. Así, executarase unha glorieta que facilitará o enlace coa estrada provincial que se atopa neste lugar, así como un paso inferior a demanda dos veciños co obxectivo de que poidan atravesar dun lado a outro da estrada, tanto para coller os autobuses como para acceder ás fincas. Neste senso, construiranse tamén dúas paradas de bus, instalaranse beirarrúas e reforzarse o firme. Tamén se renovará o drenaxe lonxitudinal e se mellorará o alumeado público, a sinalización viaria e as barreiras de seguridade.

Esta estrada presenta un elevado tráfico de vehículos y camións, e atravesa varios núcleos de poboación, cunha media de tránsito ao día de 19.000 vehículos. Partindo destas premisas, a Consellería de Infraestruturas está a levar a cabo varias obras de mellora da seguridade viaria en consenso cos dous concellos afectados, Barro e Pontevedra, e cos veciños.

No caso desta obra, a lonxitude da mesma é de 660 metros, entre os puntos quilométricos 8+900 e 9+560. Contará cunha sección tipo variable, con anchos de carril mínimo de 3,50 metros. A glorieta contará cun diámetro de 44 metros e 7 novos puntos de luz, e o paso inferior terá unha lonxitude de 38,5 metros. 

O orzamento da obra será de case 1.645.000 euros. Máis información no enlace www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20191218/AnuncioG0181-051219-0002_gl.html.

O delegado territorial aproveitou para recordar a execución de diversas medidas de seguridade viaria nesta estrada, dende a rotonda do polígono ata a da Devesa e a rotonda do nó de Curro. A todo iso haberá que sumar a senda peonil que tamén se vai a executar, “de xeito que poidamos garantir a mellora da seguridade viaria nesta estrada tan transitada, calmando o tráfico e facilitando a accesibilidade dos peóns aos núcleos de vivendas”.

Esta obra atópase inmersa dentro da estratexia en materia de mobilidade alternativa na comarca de Pontevedra da Axencia Galega de Infraestruturas, que ten como obxecto identificar e planificar os tramos de sendas peonís o ciclistas necesarios para mellorar a mobilidade sostible nesta comarca. Os traballos inclúense dentro do programa operativo FEDER 2019-20, e en particular, dentro da acción de fomento de estratexias de redución do carbono e da mellora da seguridade viaria.

No hay comentarios:

Publicar un comentario