O CONSELLO DA XUNTA ACORDA INICIAR OS TRÁMITES DE CONTRATACIÓN DAS OBRAS DE REFORMA E AMPLICACIÓN DO HOSPITAL PÚBLICO GRAN MONTECELO, EN PONTEVEDRA, POR CASE 115 MILLÓNS DE EUROS - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

domingo, 1 de diciembre de 2019

O CONSELLO DA XUNTA ACORDA INICIAR OS TRÁMITES DE CONTRATACIÓN DAS OBRAS DE REFORMA E AMPLICACIÓN DO HOSPITAL PÚBLICO GRAN MONTECELO, EN PONTEVEDRA, POR CASE 115 MILLÓNS DE EUROS







§  O Goberno galego publicará de forma inmediata no Diario Oficial da UE o anuncio previo da licitación da primeira fase dos traballos, que prevé iniciar a mediados de 2020
§  Esta medida permitirá axilizar os trámites do proceso de contratación das obras
§  Consistirán na construción dun novo edificio de 10 andares e case 75.000 metros cadrados
§  Nunha segunda fase acometerase a reforma do edificio hospitalario actual, que suporá un investimento de aproximadamente 25 millóns de euros, acadando o desembolso total  os 140 millóns de euros
§  A Xunta aprobou xa o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do complexo hospitalario e está a culminar as expropiacións, que supoñen un investimento adicional de 3,8 millóns de euros
§  O Gran Montecelo permitirá responder ás necesidades sanitarias dunha poboación de máis de 300.000 persoas de 26 concellos durante os próximos 50 anos

O Consello da Xunta acordou hoxe iniciar os trámites necesarios para a contratación das obras de reforma e ampliación do Hospital Público Gran Montecelo, en Pontevedra.

Consonte o informe analizado hoxe polo Goberno galego, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade remitirá de forma inmediata ao Diario Oficial da Unión Europea, para a súa publicación, o anuncio previo de licitación das obras da primeira fase, que suporán un investimento autonómico de case 115 millóns de euros.

Este trámite supón o primeiro paso no proceso de contratación das obras do Gran Montecelo, que a Xunta prevé comezar a executar a mediados de 2020. Con este anuncio será posible axilizar os prazos desa tramitación.

Esta primeira fase dos traballos consistirá na construción dun novo edificio hospitalario dotado cunha superficie de case 75.000 metros cadrados distribuídos en 10 andares. Esta nova construción estará composta por dous corpos, prevendo que o primeiro volume, destinado a servizos ambulatorios, actúe como zócalo dun segundo volume que albergará as áreas de hospitalización.

Nunha segunda fase acometerase a reforma do edificio hospitalario actual, que suporá un investimento de aproximadamente 25 millóns de euros, acadando o desembolso total  os 140 millóns de euros.

Contará con espazos máis acolledores en áreas máis sensibles, como a diálise, o hospital de día de oncoloxía, coidados paliativos ou a zona materno-infantil. Segundo recolle o Plan director, preto do 60% dos cuartos serán individuais (fronte ao 36% actuais), aumentará nun 92% o número de salas e postos de urxencias, e súmanse un 49% máis de postos no Hospital de día (que pasan de 109 a 162), incluíndo, deste xeito, melloras na comodidade, na intimidade e nos espazos de esparcemento para pacientes e familiares. E disporá dos novos servizos de radioterapia, UCI pediátrica e medicina nuclear.





A Xunta aprobou xa o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do complexo hospitalario e está a culminar as expropiacións, que supoñen un investimento adicional de 3,8 millóns de euros.

O Gran Montecelo permitirá responder ás necesidades sanitarias dunha poboación de 300.000 persoas de 26 concellos durante os próximos 50 anos


 

No hay comentarios:

Publicar un comentario