BARRO INCLUIDO. OS CONTRATOS-PROGRAMA CHEGAN A 279 CENTROS EDUCATIVOS DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

martes, 24 de diciembre de 2019

BARRO INCLUIDO. OS CONTRATOS-PROGRAMA CHEGAN A 279 CENTROS EDUCATIVOS DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA



 
§  A liña máis demandada é REFÓRZA-T
§  A Consellería atendeu todas as demandas de profesorado adicional para desenvolver estas iniciativas

 A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar a resolución definitiva dos centros seleccionados con contratos-programa dirixidos á mellora do éxito no ensino público en educación infantil, primaria e secundaria para o curso 2019. Serán en total 635 centros os que desenvolvan 2.326 accións nalgunha das 9 liñas de actuación dos contratos-programas. Na provincia de Pontevedra un total de 279 centros desenvolverán 1.108 accións.

O número de centros implicados na provincia increméntase deste xeito nun 12,5% fronte aos 248 participantes do curso pasado, que desenvolveron 765 accións. Aínda así, a Consellería atenderá todas as demandas de profesorado externo adicional para desenvolver estas iniciativas, contratando 238 profesores e profesoras.

A liña de actuación máis demandada é REFÓRZA-T. O número de centros por cada modalidade e o alumnado participante pode consultarse na seguinte táboa:

Liña ou modalidade
Nº de centros
Alumnos implicados*
1
205
4.943
2 A
109
17.023
2 B
102
16.026
2 C
68
11.561
3
127
35.524
4
163
38.693
5
122
15.941
6
18
2.562
7
116
16.908
8
45
Non vai dirixida ao alumnado
9 A
17
279
9 B
13
186
9 C
3
34

*Cómpre aclarar que estes alumnos non se poden sumar entre si porque moitos deles participan en varias liñas da iniciativa.

Liñas de actuación
Tras as modificacións realizadas na convocatoria para este curso 2019/20 as 9 liñas de actuación quedan tal e como se describe a continuación.

A liña 1, REFÓRZA-T, ten como obxectivo mellorar o rendemento académico do alumnado con dificultades, por medio do traballo ou apoio organizado fóra do horario lectivo, para a adquisición das destrezas básicas que lle faciliten a incorporación plena ao ritmo de traballo ordinario e ás esixencias das diferentes áreas e materias do alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de educación primaria, de 1º e 2º de educación secundaria obrigatoria e de formación profesional básica. Entre outras competencias, reforzaranse as destrezas matemática, en ciencia e tecnoloxía e en comunicación lingüística.

A liña 2, de Mellora das competencias clave, centrarase en traballar a  competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía e a competencia en comunicación lingüística das linguas curriculares impartidas no centro, co fin de mellorar os resultados e elevar os niveis de éxito escolar. As medidas incluídas nesta actuación serán desenvolvidas por profesorado do centro dentro do horario lectivo. O alumnado destinatario é todo o de Primaria, ESO e FP Básica.

Ao abeiro da liña 3, unha das novidades deste ano, IGUÁLA-T, desenvolveranse accións que interveñan no fomento da coeducación, promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, prevención e tratamento da violencia de xénero, promoción do respecto pola diversidade afectivo-sexual, prevención e tratamento da LGBTIfobia e outras medidas semellantes.

O seu obxectivo é traballar na escola os valores que fomenten a igualdade efectiva entre homes e mulleres, a prevención da violencia contra a muller e as actitudes e comportamentos discriminatorios pola orientación sexual ou a identidade de xénero. Esta modalidade vai dirixida ao alumnado de todos os centros que poden participar na convocatoria.

No caso de CON-VIVE, liña de actuación número 4 e tamén nova neste curso, ten como obxectivo identificar as incidencias relacionadas coa convivencia no seo da comunidade educativa e promover a súa solución e a creación dun bo clima nas aulas.

Para iso estimularanse as competencias emocionais no alumnado (a través de obradoiros de habilidades sociais, de autocoñecemento e outros similares), mellorarase a competencia social e cívica (CSC) e impulsarase a participación colaborativa das familias e doutras institucións e entidades na mellora da convivencia escolar. Esta modalidade vai dirixida tamén ao alumnado de todos os centros que poden participar na convocatoria.

A través da última das liñas novidosas, a 5, INCLÚE-T, desenvolveranse medidas que fomenten e melloren a inclusión no centro dirixidas á atención á diversidade, á inclusión educativa do alumnado, á colaboración con asociacións que traballan na diversidade funcional, ao fomento de recreos igualitarios e inclusivos, ao desenvolvemento de dinámicas de traballo cooperativo e á creación de escolas de nais e pais, e outras medidas semellantes.

Entre os seus obxectivos están favorecer a inclusión dos colectivos máis desfavorecidos, como o alumnado inmigrante, o retornado ou que está en risco de exclusión social e promover medidas que fomenten a inclusión, desenvolvendo estratexias referidas á inclusión e a equidade educativa. O alumnado destinatario é o mesmo que o das liñas 3 e 4.

Nesta convocatoria a liña 6 diríxese á Prevención do abandono temperán e do absentismo escolar, e terá como finalidade atender o alumnado con menor motivación para aprender, de xeito que se lle ofrezan respostas adaptadas ás súas posibilidades e aos seus intereses, para seguir avanzando na súa aprendizaxe, diminuíndo o risco de abandono ou desinterese. Deste xeito, búscase diminuír o abandono e aumentar as posibilidades de éxito escolar no ensino obrigatorio.

Para iso desenvolveranse medidas específicas nos centros con menor índice de titulación ou promoción na educación secundaria e intervirase naqueles centros de primaria e secundaria con maiores taxas de abandono escolar temperán. Ao mesmo tempo impulsarase a coordinación entre organizacións e institucións da contorna.

A Mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia será o obxectivo da liña número 7, que trata de dar resposta ao alumnado con maior motivación para aprender, á vez que supón unha medida de atención á diversidade na que se desenvolverán iniciativas de afondamento nos coñecementos do alumnado, co fin de incrementar a excelencia. Ao abeiro desta modalidade planificaranse diferentes obradoiros. Pódense canalizar a través desta vía as semanas culturais ou científicas, a participación en programas educativos externos ao centro e, en xeral, o traballo por proxectos.

A liña 8, de Mellora da calidade na xestión dos centros, continuará centrándose na xestión administrativa, co fin de implantar un sistema de xestión de calidade de cara á súa certificación e de desenvolver un modelo de xestión que permita estandarizar procedementos comúns dos centros e que permita facilitar a introdución de boas prácticas de xestión educativa.

Finalmente a liña 9, outra das reformuladas, está dirixida ao Reforzo de competencias clave en 3º e 4º de ESO. O seu desenvolvemento suporá a creación de grupos de reforzo da Competencia matemática (PREMAT), da competencia Comunicación lingüística das linguas curriculares impartidas no centro (PRELIN) ou das competencias básicas en ciencia e tecnoloxía (PRETEC).

No hay comentarios:

Publicar un comentario