§ O conselleiro de Cultura e Turismo presentou o balance do sector nesta
provincia, que en 2019 superou os 1,7 millóns de viaxeiros e os 4,3 millóns de
noites
§ Incrementáronse todos os mercados, destacando especialmente a suba do turismo
internacional, cun alza dun 17% no número de visitantes
§ Os principais destinos turísticos experimentan incrementos tanto en
termos cuantitativos como cualitativos, con subas na ocupación ou na estadía
media
§ A Xunta investiu no último ano 12M€ en
iniciativas para fomentar o turismo de calidade e para a mellora, sinalización
e mantemento dos Camiños da provincia
A provincia de Pontevedra acadou na última década cifras turísticas
récord, cun incremento acumulado do 39% no seu número de viaxeiros, o que a
converte na provincia na que máis medrou o turismo nos últimos dez anos.
Avanzouno esta mañá o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, nunha
rolda de prensa na que presentou o balance do sector nesta provincia e na que
estivo acompañado pola directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, e
o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.
En concreto,
a provincia mantén a liña de crecemento turístico rexistrado en toda a
Comunidade tras recibir en 2019 máis de 1,7 millóns de viaxeiros, un 6,9% máis,
e tras superar o volume dos 4,3 millóns de noites, unha suba do 5,2%, acadando
así os mellores rexistros da súa historia nestes dous indicadores. Con todo, o
titular de Cultura e Turismo salientou que esta evolución é aínda “máis
significativa” se temos en conta o incremento experimentado na última década, xa
que a provincia rexistrou alzas do 39% no volume de turistas e do 27% no número
de pernoitas.
Segundo
Román Rodríguez, estas cifras demostran a eficacia do modelo turístico
impulsado pola Xunta en toda a Comunidade da man do sector e en colaboración
coas distintas administracións. Trátase dun modelo centrado no fomento da
calidade e a excelencia e que aposta pola mellora da competitividade e
profesionalización co obxectivo de atraer visitantes durante todo o ano grazas
a valores como a enogastronomía, a paisaxe, a natureza ou o patrimonio.
Datos históricos no turismo rural
Neste
sentido, salientou o incremento en todos os mercados, tanto no referente ao
turismo interno, ao rexistrar unha suba da demanda do 4%, como no turismo
nacional, superando as máis de 1,8 millóns de pernoitas. Con todo, destaca
especialmente o crecemento no turismo internacional, que experimentou un alza
da demanda do 13% e do 17% na cifra de viaxeiros. Neste aspecto, Román
Rodríguez puxo en valor as accións de promoción
realizadas polo Goberno galego nas feiras máis importantes do mundo e en
mercados especializados.
No que
respecta aos diferentes tipos de aloxamento, os hoteis e pensións englobaron o
80% de demanda da provincia. Sen embargo, destaca especialmente o incremento do
turismo rural, rexistrando máis de 51.000 viaxeiros, a cifra máis elevada da
década.
Alza dos principais destinos urbanos
O
conselleiro de Cultura e Turismo repasou tamén o comportamento dos principais
destinos turísticos da provincia e salientou o seu bo comportamento, medrando
non só cuantitativamente senón tamén cualitativamente. No caso de Vigo, pechou
o 2019 situándose como o terceiro destino urbano en demanda turística tras
Santiago e A Coruña ao rexistrar máis de 420.000 viaxeiros, un 3% máis, e preto de 950.000 noites, o que supón un alza
do 14,2%.
No caso de
Sanxenxo, pechou o pasado ano con máis de 880.000 noites (+4,5%) e mais de
270.000 viaxeiros, rexistrando tamén un incremento da estadía media do 4,7%.
Pola súa banda, a cidade de Pontevedra acadou un alza da demanda do 13,6%, con
máis de 260.000 noites, e do 1% no que respecta ao número de viaxeiros, mentres
que no caso do Grove, acadou máis de 116.092 viaxeiros (+3,7%) e 310.000
pernoitas (+1,8%).
Xeodestinos e Camiño de Santiago
Ademais, no
que respecta aos xeodestinos, dous dos tres máis demandados polos visitantes
situáronse nesta provincia, como é o caso do xeodestino Ría de Arousa, que
acadou máis de 1,4 millóns de pernoitas; Ría de Vigo e Baixo Miño, con 1,3
millóns, ou Deza Tabeirós, con 97.585. Do mesmo xeito, o xeodestino Ría e Terras
de Pontevedra foi o terceiro de toda a Comunidade que máis medrou en 2019, cun
alza do 13,7%.
Mentres, no
que respecta ao Camiño de Santiago, os distintos itinerarios que transcorren
pola provincia de Pontevedra achegaron máis do 30% dos peregrinos o que
demostra –puntualizou Román Rodríguez– a aposta da Xunta por impulsar todos os
Camiños favorecendo a descentralización de fluxos. Destaca especialmente o pulo
do Camiño Portugués, con máis de 70.000 que recibiron a súa Compostela, seguido do Camiño Portugués
da Costa, con máis de 22.000 peregrinos, por diante da Vía da Prata, con máis
de 9.000, e o Camiño de Inverno, con máis de 1.000.
Accións de fomento dun turismo de calidade
O
conselleiro de Cultura e Turismo destacou que estas cifras reflicten a eficacia
do modelo turístico galego, centrado en fomentar un turismo de calidade, e
lembrou que a Xunta impulsou durante o pasado ano máis de 12 millóns de euros
en 2019 en distintas iniciativas de impulso a un turismo de calidade en máis de
200 establecementos, empresas, concellos ou oficinas de turismo, así como na
mellora, sinalización e mantemento dos distintos Camiños ao seu paso pola
provincia. Neste eido, destacou investimentos para mellorar infraestruturas
turísticas en máis de 30 concellos, para modernizar medio cento de establecementos de aloxamento, para o turismo
de festivais ou para o apoio, organización e promoción das festas de interese
turístico.
No marco das
accións centradas nos catro Camiños de Santiago que trascorren pola provincia
destacou o investimento de máis de 1,2 millóns de euros en accións de
mantemento, máis de 1,7 millóns para melloras de sinalización ou máis de 3,1 millóns
para a creación de do novo albergue de Vigo, a reforma do de Lalín e a
ampliación do de Pontevedra xunto co mantemento dos 10 establecementos que
conforman a rede pública situados na provincia.
Destacou
ademais a realización de grandes obras de rehabilitación na provincia por valor
de máis de 1,5 millóns de euros, entre as que destaca a restauración da igrexa
de Santa María de Baiona, a de Santa María A Maior de Pontevedra, o Mosteiro de
Carboeiro, o Castro de Montealegre en Moaña ou a igrexa de Nantes, en Sanxenxo,
entre outras.
Por último,
o conselleiro de Cultura e Turismo salientou o intenso labor de promoción
turística por parte da Xunta, ao acometer máis dun cento de accións
promocionais en países, algunhas das cales permitiron traer a xornalistas de
países como China, Rusia ou Filipinas a emprazamentos singulares da provincia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario