- O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou que tamén se beneficiaron o pasado ano, no seu ámbito territorial, unha empresa de Silleda, outra de Ponteareas, unha firma de Sanxenxo e outra de Caldas de Reis
§ A nova convocatoria
desta liña de apoios financia, cun total de 2,7 M€, plans de innovación de
pemes e microempresas que queren aumentar a súa competitividade e tamaño de
mercado a través de novos produtos ou servizos
O delegado
territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou hoxe que
a Axencia Galega de Innovación (Gain), dependente da Consellería de Economía,
Emprego e Industria, mantén aberta a liña de axudas Innova Peme 2020, que o ano
pasado beneficiou a dúas empresas da cidade do Lérez con 200.000 euros.
En total, na área territorial da Delegación de
Pontevedra destináronse case 516.000 euros a
seis empresas, dúas da cidade do Lérez, unha con sede en Silleda, outra
en Ponteareas, outra firma de Sanxenxo e finalmente unha última en Caldas de
Reis.
Na capital da provincia as empresas que
solicitaron esta axuda o ano pasado foron Electricida y Contratas Edison
Galicia e Krack Zapaterías.
Tal e como informou
o delegado territorial, a convocatoria de axudas do Innova Peme 2020, dotada
con 2,7 millóns de euros está destinada especificamente a micro, pequenas e
medianas empresas galegas que precisan apoio para sistematizar, potenciar ou
desenvolver a súa actividade innovadora. “O obxectivo é que aumenten a súa
competitividade e tamaño do mercado a través da introdución de novos produtos e
servizos ao abeiro dos plans de innovación; e fomentar o investimento privado
en I+D en Galicia, a transferencia de tecnoloxía e a innovación aberta e colaborativa”,
explicou Cores Tourís.
InnovaPeme 2020,
cofinanciado con Fondos FEDER no marco do programa operativo Feder Galicia
2014-2020, apoia as actuacións recollidas nun plan de innovación, que se
desenvolverá durante un período mínimo dun ano. A intensidade da axuda será do
50% do orzamento subvencionable (que deberá estar entre 80.000 e 200.000 euros)
e, ademais, as empresas beneficiarias poderán solicitar acompañamento posterior
para a comercialización e industrialización da innovación a través de fondos de
capital risco vencellados á innovación xestionados por XesGalicia.
O prazo de
presentación de solicitudes é de dous meses e remata o 20 de abril ás 13 horas.
Entre as principais novidades, refórzase como criterio de valoración o feito de
ser unha microempresa e non ter obtido axudas á I+D+i nos últimos 3 anos.
Ademais, só se valorarán os contratos a tempo completo cunhas retribucións nas
que corresponda o grupo de cotización coa titulación da persoa contratada.
Así mesmo, nesta
edición, inclúense unha serie de cláusulas sociais como a incorporación da
innovación responsable e do compromiso social como criterios de valoración da
convocatoria e relacionadas coa estratexia de apoio ás pemes como obrigas de
formación e de subministración de información.
No hay comentarios:
Publicar un comentario