A XUNTA INICIA ESTA SEMANA TRABALLOS DE ROZA E LIMPEZA NAS MARXES DE ESTRADAS AUTONÓMICAS NOS CONCELLOS DE ARZÚA E DE MELIDE - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

domingo, 30 de enero de 2022

A XUNTA INICIA ESTA SEMANA TRABALLOS DE ROZA E LIMPEZA NAS MARXES DE ESTRADAS AUTONÓMICAS NOS CONCELLOS DE ARZÚA E DE MELIDE

 

 



Estas actuacións súmanse ás executadas con medios de conservación ordinaria da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, favorecendo a prevención dos lumes e a seguridade viaria

      Actuarase nas vías autonómicas da provincia da Coruña AC-234 e AC-840

      Continuarase cos labores na estrada LU-541, nos municipios lucenses de Vilaba e Rábade; na LU-540, ao seu paso por Viveiro; e na vía de altas prestacións CG-2.1, en Monforte e en Chantada

      Proseguirán as tarefas en execución na provincia de Ourense na OU-533, nos municipios da Gudiña e Viana do Bolo; na OU-540, na cidade de Ourense; e na OU-531, en Vilar de Santos e en Xinzo de Limia.

      Tamén seguirán os traballos na PO-531 en Vilanova de Arousa, Meis, Barro e Pontevedra

      Coa nova encomenda a Seaga, desde o ano 2018 a Xunta leva investidos 6,8 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas da súa competencia

A Xunta prevé iniciar nesta semana os traballos de roza e limpeza nas marxes das estradas autonómicas AC-234 e AC-840, ao seu paso polos concellos de Arzúa e de Melide, respectivamente. En paralelo ao inicio destas novas actuacións nestas dúas vías da provincia da Coruña, proseguirase coas tarefas que nas últimas semanas se están a realizar en distintas estradas das provincias de Lugo, de Ourense e de Pontevedra.

Na provincia de Lugo continuarase cos traballos en execución na estrada LU-541, nos municipios lucenses de Vilaba e Rábade;  coas tarefas que se están a desenvolver na LU-540, ao seu paso polo municipio de Viveiro; e  tamén cos traballos na vía de altas prestacións CG-2.1, en Monforte e en Chantada.

No caso da provincia de Ourense proseguirase cos traballos na estrada OU-533, no seu percorrido polos municipios da Gudiña e Viana do Bolo; na OU-540, na cidade de Ourense; e na OU-531, ao seu paso polo concellos de Vilar de Santos e de Xinzo de Limia.

Tamén, na provincia de Pontevedra seguiranse os traballos en execución na estrada PO-531 ao seu paso polos municipios de Vilanova de Arousa, Meis, Barro e Pontevedra.

Estas intervencións contribúen á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías de titularidade da Xunta. Dáse así cumprimento á Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que recolle o obxectivo da rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa, de modo que as estradas actúen con efecto “cortalumes”.

O control da vexetación tamén supón a mellora da seguridade viaria. Os traballos realizados eliminan árbores que poderían caer á vía en caso de temporal e evitan que invadan as beiravías ou beirarrúas, facilitando o tránsito de peóns e ciclistas. Tamén serve para aumentar a visibilidade dos usuarios e consegue o efecto de afastar da vía animais como os xabarís.

Con estes traballos tamén se dá cumprimento ao acordo do Pleno do Parlamento de Galicia do 25 de setembro de 2019, polo que se insta ás administracións públicas a impulsar unha redución progresiva do  uso de herbicidas nas marxes das estradas da súa titularidade.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou o pasado mes de xullo estes labores, tras renovar coa empresa pública Seaga o contrato para acometer tarefas de roza e limpeza nas estradas autonómicas para previr lumes e reforzar a seguridade viaria, cun investimento de preto de 1,5 millóns de euros.

Cada semana, unha media de 30 operarios e arredor de 15 máquinas traballan para levar a cabo estas tarefas de limpeza e control da vexetación nas marxes das estradas autonómicas.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez intensificou nos últimos anos as accións de prevención de lumes nas marxes das estradas da súa competencia, engadindo aos medios de conservación ordinaria un reforzo con encomendas á empresa pública Seaga.

Coa nova encomenda a Seaga, desde o ano 2018 a Xunta leva investidos 6,8 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas da súa competencia.

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario