Os recursos
enmárcanse no Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios
Municipais e nas Axudas Básicas de Emerxencia que acaba de aprobar a Xunta de
Goberno da institución provincial
Os concellos de menos de 20.000 habitantes da contorna de Pontevedra recibirán ata 665.000 de euros para facer fronte a políticas sociais. Os recursos enmárcanse no Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais e nas Axudas Básicas de Emerxencia para 2024, que acaba de aprobar a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra e contan cun orzamento global de 3,7 millóns de euros.
En concreto, no relativo á primeira convocatoria, centrada nos Servizos Sociais Comunitarios, a Deputación pon a disposición destes concellos 555.000 euros. Destes recursos, 217.000 euros estarán destinados a sufragar a prestación directa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un servizo que atende a persoas maiores e con discapacidade, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu medio inmediato, e 338.000 euros a cubrir os custos do persoal dos Servizos Comunitarios. En concreto, A Lama poderá recibir ata 48.702 euros, Barro 50.193 €, Caldas de Reis 65.622 €, Campo Lameiro 34.685 €, Cuntis 58.512 €, Moraña 30.298 €, Poio 121.921 €, Ponte Caldelas 67.119 €, Portas 43.178 € e Vilaboa 34.490 €.
No que respecta á segunda liña de subvencións aprobada, as Axudas Básicas de Emerxencia (ABE), o Goberno provincial pon a disposición dos concellos da contorna de Pontevedra 110.500 euros, para que poidan atender ás demandas da cidadanía que se atope en situación ou risco de exclusión social, con especial atención a quen teña menores ao seu cargo. Neste caso, A Lama poderá beneficiarse de ata 10.800 euros, Barro 10.800 €, Caldas de Reis 11.800 €, Campo Lameiro 10.800 €, Cuntis 9.300 €, Moraña 9.300 €, Poio 13.800 €, Ponte Caldelas 12.800 €, Portas 9.300 € e Vilaboa 11.800 €.
As Axudas Básicas de Emerxencia destinaranse a alimentación, vivenda subministros básicos, produtos e servizos de hixiene e limpeza, pagamento de produtos farmacéuticos, á adquisición de electrodomésticos básicos, pagamento de desprazamentos, pagamento da reparación e mantemento de vehículos, pagamento de lentes, lentes de contacto e audiófonos, pagamento de gastos derivados de tratamentos de odontoloxía, pagamento de produtos de apoio, atencións de carácter complementario e axudas para adquisición de roupa e calzado, de estudo e de apoio á infancia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario