A Deputación colabora co Concurso Balbino de Relatos 2024 para a promoción da creación literaria en galego - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

domingo, 28 de enero de 2024

A Deputación colabora co Concurso Balbino de Relatos 2024 para a promoción da creación literaria en galego

 



Os orixinais deberán centrarse no mar, o rural e a emigración e poderanse presentar ata o vindeiro 28 de xuño. O certame ten un único premio de 1.500 euros e a edición do libro.

A Deputación de Pontevedra colabora co Concurso Balbino de Relatos 2024, organizado por Edicións Fervenza, e que na súa novena edición conta tamén coa colaboración da Secretaria Xeral de Política Lingüística, a Fundación Xosé Neira Vilas, e os concellos de Boqueixón, Silleda e Vila de Cruces. O certame, que naceu para a promoción da literatura e a lingua galegas, así como dos novos talentos e de autores xa consagrados, acaba de abrir o prazo para recibir orixinais, que se poderán remitir ata o vindeiro 28 de xuño. Os relatos que se presenten ao Concurso, cuxo nome foi un acordo co escritor Xosé Neira Vilas, autor da obra máis internacional da literatura galega, “Memorias dun neno labrego”, deben ter como temática principal o mar, o rural e a emigración, os tres eixos centrais na vida de Balbino, o protagonista do libro.

 

O Certame, que está dotado cun único premio de 1.500 euros, ademais da publicación da obra gañadora por Edicións Fervenza, está aberto a persoas de todas as idades e nacionalidades, que deberán presentar obras orixinais e inéditas en galego coas temáticas xa mencionadas. O relato ou serie de relatos con estes temas poderá ser real ou de ficción, e os textos deberán ter unha extensión mínima de 100.000 caracteres con espazos e máxima de 200.000.

 

Os orixinais poden enviarse por correo postal ou electrónico. No primeiro caso, presentaranse cinco copias en papel DINA4 debidamente encadernadas, o texto levará un título e estará asinado cun lema. Nun sobre pechado aparte, levará fóra o título e dentro o nome, apelidos, copia do DNI, enderezo residencial e electrónico e teléfono do autor o autora. No caso de optar polo envío por e-mail, o arquivo debe remitise en formato PDF  e tamén é necesario que envíen por correo postal e en sobre pechado os datos persoais. En calquera modo de envío non levará ningún dato que identifique ao autor o autora, e deberá indicarse claramente que é para participar no Concurso “Balbino” de Relatos. O texto será enviado ao enderezo: Técnicas & Gramaxe SL, rúa Santa Olaia 18-36540 Silleda (Pontevedra) ou ao enderezo electrónico concursobalbino@gmail.com.

 

A elección da obra gañadora correrá a cargo dun xurado profesional formado por cinco persoas de recoñecido prestixio do mundo da literatura e da cultura galega, que dará a coñecer o fallo no mes de setembro, momento no que dará comezo o proceso de publicación para realizar a entrega oficial do premio e a presentación do libro no último trimestre deste ano 2024.

 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario