O presidente, xunto a vicepresidenta primeira da institución Marta Fernández-Tapias e o deputado de Acción Comunitaria e Equipamentos Públicos, Javier Tourís, remarcou o “firme compromiso da Deputación co tecido asociativo da provincia”
Luis López: “A Deputación tiña unha débeda cos colectivos veciñais. Non poden, nin deben, permanecer ao marxe xa que estamos a falar de entidades que contribúen a construír unha provincia máis avanzada, máis participativa e máis cohesionada”
Fernández-Tapias remarcou o feito de presentar este plan, “tan necesario para a nosa provincia”, en Vigo, “fervedoiro do movemento veciñal de toda Galicia”
A aposta da Deputación de Pontevedra polo tecido asociativo da provincia ascende aos dous millóns de euros: un millón do Plan Provincia Comunitaria e outro do Plan +Aqua
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acaba de presentar ao tecido asociativo veciñal vigués o Plan Provincia Comunitaria, o programa de acción comunitaria da provincia de Pontevedra que, dotado cun millón de euros, aprobou as súas bases o pasado mes de decembro. Durante o acto, que tivo lugar este xoves na sede da institución provincial en Vigo, Luis López, xunto a vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Fernández-Tapias, e o deputado de Acción Comunitaria e Equipamentos Públicos, Javier Tourís, remarcou “o firme compromiso da institución co tecido asociativo da provincia”.
O presidente asegurou que “tiñamos claro, cando iniciamos a nosa andadura na Deputación, hai medio ano, que era fundamental emendar a inxustiza que supuxo a desaparición do Plan de Acción Comunitaria e que era unha obriga recuperalo. A Deputación –engadiu - tiña unha débeda cos colectivos veciñais, entidades clave no equilibrio territorial. Non poden, nin deben, permanecer ao marxe xa que estamos a falar de entidades que contribúen a construír unha provincia máis avanzada, máis participativa, máis cohesionada”. Por estes motivos o goberno provincial impulsou o Plan Provincia Comunitaria, “para potenciar a vosa capacidade e contribuír á implantación homoxénea das entidades veciñais en todo o territorio”, porque “apostar por vós é apostar por mellorar a contorna dos concellos e a calidade de vida das persoas que aquí viven”.
Precisamente a estes colectivos se dirixen os recursos do plan que permitirá que as asociacións de veciños, confederacións, federacións, unións ou asociacións de mulleres rurais con domicilio fiscal na provincia se beneficien de contías que abranguen entre os 6.000 e os 10.000 euros para adquirir equipamentos (mobiliario, dispositivos informáticos, acústicos ou audiovisuais para desenvolver o seu traballo) ou executar obras de acondicionamento, reforma e ampliación de locais sociais, infraestruturas nas que desenvolven a súa actividade ou espazos destinados ao cumprimento dos seus fins.
O prazo para solicitar as axudas do Plan Provincia Comunitaria remata o 29 de febreiro e as obras deberán estar rematadas en novembro. “Estou seguro que tendes xa moitas ideas enriba da mesa nas que traballar”, asegurou o presidente da Deputación Luis López quen amosou, unha vez máis, “a vontade de tender pontes para avanzar na construción dunha provincia con máis futuro”. “Todos –engadiu- compartimos este obxectivo, que non é outro que impulsar un espazo común, como é a provincia, cheo de oportunidades e de prosperidade. Agardo que agora compartamos tamén esforzos para que este obxectivo sexa, máis pronto que tarde, unha realidade”.
Pola súa banda, a vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, remarcou o feito de presentar “este plan tan necesario para a nosa provincia” en Vigo, “fervedoiro do movemento veciñal de toda Galicia”. Fernández-Tapias subliñou que o Plan Provincia Comunitaria é unha “ferramenta imprescindible para garantir a supervivencia e o dinamismo das entidades e asociacións veciñais”, ás que se referiu como “claves” para o desenvolvemento da provincia ao estar “día a día en contacto coa cidadanía, traballando para fomentar a súa participación social, ofrecéndolles un amplo abano de actividades de índole formativo, deportivo, social ou cultural”.
A aposta da Deputación de Pontevedra polo tecido asociativo da provincia ascende este ano 2024 aos dous millóns de euros xa que, ademais do millón de euros que contempla o Plan Provincia Comunitaria, tamén se aprobou outro millón de euros dirixido ás comunidades de augas de Pontevedra, o Plan +Aqua.
No hay comentarios:
Publicar un comentario