"Todo o que neste libro coincide coa realidade é inventado", avisa Iria Collazo antes de comezar a historia de Os mortos que amei. Pese á advertencia, a veciñanza de Barro atopará moita verdade nos personaxes e nos lugares deste volume, que a autora presentou este xoves na Libraría Paz acompañada por David Cortizo.
Galaxia presenta a novela como "unha road trip disparatada".
Si, podería dicirse que é unha road trip porque relata unha viaxe
ficticia de dous personaxes octaxenarios, Celeste e Antón, un deles con
demencia severa, cara un lugar que se desvela ao final. Estes dous
personaxes están baseados en dúas persoas que eu quixen moito que eran
os meus avós: meu avó materno e miña avoa paterna.
A novela está dedicada a catro persoas, Mercedes, Vita, Ramón
e Satiro, que se intúe que poden ser os seus catro avós. De feito, un
dos personaxes da historia, Vita, mantén mesmo o nome real.
A Vita non lle quixen cambiar o nome porque, aínda que todos eran moi
especiais para min, ela quizais o era un chisquiño máis. Foi coa que
máis me identifiquei sempre. E si, efectivamente, son os meus catro
avós. A novela tamén está adicada a Paulino Campos e á Federación REDE
[de Familiares de Residencias e da Dependencia].
E esa dedicatoria a maiores por que foi?
Porque, en realidade, esta historia naceu hai bastante tempo. Primeiro
como unha recompilación de notas máis que nada para min, que non pensaba
nin publicar. Eran recordos que tiña dos meus avós, sobre todo de Ramón
porque era un personaxe moi peculiar que dicía moitas frases
divertidas. Tiña mesmo un idiolecto propio. E eu quería recordalo.
Despois enfermou con demencia con corpos de Lewy e tivemos que ingresalo
nunha residencia. A que se nos adxudicou foi a residencia DomusVi de
Monforte. Alí faleceu ao cabo dun mes. Entrou camiñando e falando e
nunha semana informáronnos de que estaba atado e xa non se comunicaba.
Adelgazou 14 kilos. No medio de todo o proceso que iniciamos para
intentar salvarlle a vida entrei en contacto con REDE e con Paulino.
Axudáronnos moitísimo e con eles fun consciente dunha situación que,
aínda que non descoñecía, nunca sentira tan próxima: a desatención dos
maiores nalgunhas das residencias que temos concertadas en Galicia.
Quíxenllo agradecer desta maneira.
Canto hai de realidade no libro?
Baséome sempre en feitos reais, pero o trasunto central da novela xa é
totalmente ficticio. Evidentemente os meus avós nunca fixeron esa viaxe.
É todo inventado. Pero si que hai cousas reais a partir das que saíu a
novela. Eu creo que é practicamente imposible fuxir da experiencia
propia á hora de escribir.
Como foi isto de volver a Barro para convertelo nun escenario literario?
Eu levo dende os sete anos vivindo en Moaña. Pero como os meus pais son
os dous de Barro, de pequena pasaba todas as fins de semana e todas as
festas en Barro. Sempre foi para min un lugar especial. De feito, a
pesar de que levo tantos anos en Moaña sempre digo que son de Barro.
Porque é o lugar do que son oriunda. Mesmo a miña maneira de falar, 40
anos despois, penso que se parece bastante máis á de Barro que á de
Moaña. Por iso foi que tamén quixen que na novela aparecesen os lugares
emblemáticos na vida dos meus avós: Perdecanai, O Illó, etc.
Hai unha homenaxe ás xentes e tamén outro ao espazo, a pesar de terse escrito en boa parte en Xeorxia.
Si, porque tiven a sorte de gañar unha convocatoria, a da primeira bolsa
Intercambio Xacobeo 21 Galicia-Xeorxia, que organizou a Consellería de
Educación e Yolanda Castaño e a Residencia 1863 da Coruña. Así que
puiden centrarme en escribir durante un mes, xa hai tres anos, na
Writer's House de Tblisi. A paz, a tranquilidade e a beleza dese lugar
axudáronme moitísimo a poder acabar de artellar a historia.
Se en Xeorxia escribín 60 páxinas nun mes, aquí teríame levado un ano ese mesmo traballo. Para escribir fai falta tempo e unha certa tranquilidade
Porque para escribir precísase dunha habitación propia, como reclamaba Virginia Woolf, pero tamén de tempo.
Fai falta tempo e fai falta unha certa tranquilidade. Porque moitas
veces dispós do tempo, pero non tes a cabeza para poñerte a escribir.
Alí tiña todas as circunstancias propicias. Aquí son vicedirectora dun
instituto, son nai... Se en Xeorxia escribín 60 páxinas nun mes, aquí
ese mesmo traballo teríame levado seguramente un ano.
Á parte da homenaxe ás xentes de Barro e ao lugar, hai tamén na novela unha homenaxe clara á xente maior.
A min sorprendíame, cando era pequena, o modernos e o divertidos que
eran os meus avós. Tiñan un humor moitas veces transgresor. Ás veces
pensamos que a xente maior está desfasada da realidade e ao mellor é
certo que están desfasados da realidade na que vivimos nós, pero en
verdade quizais estean máis en contacto coa realidade humana ou coa
natureza. Dende logo moito máis do que estamos nós. Moitas veces teñen
uns pensamentos moito máis avanzados dos que temos nós.
https://www.diariodepontevedra.es/articulo/cultura/maiores-tenen-moitas-veces-pensamentos-moito-mais-avanzados-que-temos-nos/202409271331201321930.html
No hay comentarios:
Publicar un comentario