O presidente Luis López confirmou que as axudas oscilan entre os 1.300 e os 3.500 euros para actividades como festivais, premios ou obradoiros para escolares, entre outras
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe o reparto de máis de 15.000 euros para que seis entidades sociais de catro concellos da comarca de Pontevedra poidan realizar actividades de dinamización da lingua galega. En total, cada un dos concellos recibirá achegas que oscilan entre os 1.300 e os 3.500 euros para actividades como festivais, premios ou obradoiros para escolares, entre outras. “Como administración pública temos a obriga de fomentar e difundir a lingua galega, a nosa, a miña, a que nos diferencia e nos proxecta no mundo e a que dota a este pobo dunha identidade e personalidade únicas”, asegurou o presidente provincial Luis López.
En concreto, no concello de Barro a Asociación Cultural Colectivo Espazo 16 recibirá 3.450 € para o proxecto Nomea! Topónimos esquecidos; en Marín a Asociación Comerciantes da Praza de Abastos de Marín contará con 2.776 € para a V Edición na Praza Merca en Galego e a Asociación Cultural por un Museo do Mar para Marín 1.300 € para o Festival do Cine ao Mar; en Poio o Centro Cultural Ateneo Corredoira terá 3.000 € para a proposta Maio, Flores cheas de Letras, e en Pontevedra a Asociación para el Desarrollo Educativo y Cultural contará con 2.483 € para a práctica de lingua galega para ESO e Bacharelato e a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua con 2.727 € para os Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego.
No conxunto da provincia, este ano a institución provincial aprobou destinar axudas a 47 entidades dun total de 25 concellos da provincia de Pontevedra por valor de preto de 110.000 euros para a posta en marcha de actividades para fomentar e difundir o emprego da lingua galega.
No hay comentarios:
Publicar un comentario