― As intervencións suporán un investimento autonómico que rolda os 635.000 euros
― Actuarase no ámbito das rutas de acceso polo norte á cidade de Pontevedra en 10 vías autonómicas ao paso polos concellos da Lama, Barro, Campo Lameiro, Catoira, Ponte Caldelas, Moraña, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, A Estrada e Forcarei
― As intervencións consisten na dotación de marquesiñas, na mellora da accesibilidade con ramplas e información en braille e no incremento da visibilidade e iluminación
― A Xunta tamén deu conta hoxe da aprobación dos trámites de información pública e do informe das administracións afectadas para o citado proxecto
― O proxecto someterase nas vindeiras semanas a información pública, con efectos expropiatorios, co obxectivo de poder licitar e executar as obras ao longo do ano 2025
― Estas intervencións enmárcase no Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas, co que a Xunta ten previsto investir arredor de 35 M€ para a mellora de 1.100 paradas en toda Galicia
O Consello da Xunta aprobou hoxe someter a información pública o proxecto de mellora da accesibilidade e conectividade de 27 paradas de autobús situadas en 10 concellos das contornas de Pontevedra, do Salnés e de Tabeirós, que suporán un investimento que rolda os 635.000 euros.
O Goberno galego tamén deu conta da aprobación provisional do proxecto, previa aos trámites de información pública e do informe das administracións afectadas para desenvolver estes proxectos de mellora de accesibilidade e conectividade das paradas de autobús na rede autonómica de estradas da Xunta de Galicia situadas nos concellos da Lama, Barro, Campo Lameiro, Catoira, Ponte Caldelas, Moraña, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, A Estrada e Forcarei.
Estes proxectos desenvolveranse nun total de 10 estradas de titularidade autonómica (PO-222, PO-223, PO-226, PO-255, PO-531, PO-532, PO-536, PO-548, PO-549 e PO-841). Estas intervencións afectarán a un total de 9 predios, polo que se dispón tamén a urxente ocupación para levar a cabo as intervencións. A superficie de expropiación definitiva é de 342,41 m2.
En concreto, con este proxecto para actuar nas paradas do ámbito das rutas de acceso polo norte á cidade de Pontevedra, proponse mellorar 2 en Campo Lameiro; 1 en Moraña; 1 na Lama; 4 en Ponte Caldelas; 4 en Barro; 7 en Vilagarcía de Arousa, 4 en Vilanova de Arousa; 2 en Catoira; 1 en Forcarei e 1 na Estrada.
As actuacións
As actuacións proxectadas comprenderán o acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas ou beirarrúas.
Ademais colocaranse refuxios deseñados pola Dirección Xeral de Mobilidade, dependente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
Tamén se levará a cabo a mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil.
As obras incluirán medidas de seguridade e procederase á eliminación de vexetación, á mellora da visibilidade e da iluminación ou á ampliación do espazo ao redor das paradas.
As actuacións tamén prevén o reforzo da información e da sinalización, colocando planos de situación e percorridos ou sinais indicativos das paradas.
O obxectivo é incrementar a captación de usuarios das zonas rurais afastadas dos grandes núcleos no uso do transporte público, fomentando a diminución do uso dos movementos de curto e medio recorrido en transporte privado, con orixe ou destino nas cidades de maior poboación, o que redundará nunha diminución das emisións de xeito gradual.
Tramitación
O proxecto provisional aprobado provisionalmente hoxe polo Executivo autonómico, someterase nos vindeiros días ao trámite de información pública, por un prazo dun mes.
A previsión da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas é poder aprobar o proxecto no primeiro trimestre de 2025, para a continuación realizar a convocatoria de levantamento de actas previas das expropiacións, e licitar a execución das obras ao longo de 2025. O prazo de execución das obras é de 12 meses.
Estes proxectos forman parte do Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas, co que a Xunta ten previsto investir arredor de 35 M€ para a mellora de 1.100 paradas en toda Galicia.
Os proxectos están financiados ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea–Next Generation EU e enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente.
Imaxes exemplo de planta das actuacións a executar e tipoloxía das paradas a instalar nestas estradas autonómicas:
No hay comentarios:
Publicar un comentario