
A Deputación destina preto de 1,5 millóns de euros aos concellos da contorna de Pontevedra no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas
Os concellos da contorna de Pontevedra solicitaron poñer en marcha 12 actuacións para mellorar infraestruturas deportivas municipais con estes recursos provinciais
O presidente Luis López recordou que o plan distribuirá este ano 8 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia cos que impulsarán preto de 90 actuacións que abranguen novas instalacións deportivas e a modernización das existentes
A Deputación pechou esta semana o prazo de presentación de solicitudes para optar aos 8 millóns de euros do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Un plan que permitirá aos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia impulsar este ano preto de 90 actuacións que abranguen desde novas instalacións deportivas municipais ata a modernización das existentes ou a subministración de mobiliario e material para a práctica do deporte. No caso da contorna de Pontevedra, o organismo destina preto de 1,5 millóns de euros a Marín, Poio, Caldas de Reis, Vilaboa, Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas, Cuntis, Moraña, Barro, Portas, A Lama e Campo Lameiro, que solicitaron poñer en marcha 12 actuacións para mellorar infraestruturas deportivas municipais.
Marín con 227.000 € do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas vai impulsar unha pista multideportiva na Avenida de Ourense e Poio, con 184.500 €, construíra pistas de atletismo no campo de fútbol municipal da Reiboa. Caldas de Reis beneficiarase de 135.500 € para financiar o proxecto de ampliación do espazo deportivo nas Corticeiras, que conta cun orzamento de máis de 224.000 €, e Vilaboa, con 112.000 € financiará a construción dunha pista de pádel, valorada en máis de 213.000 €.
Pola súa banda, a Deputación destinará a Cerdedo-Cotobade 111.000 € para o acondicionamento da estrutura e envolvente do pavillón municipal de Tenorio, que conta cun orzamento de preto de 867.000 €, e a Ponte Caldelas 110.000 € para a mellora no campo de fútbol municipal da vila, valorada en 137.000 €. No caso de Cuntis, beneficiarase de 103.000 € para converter o antigo matadoiro nun ximnasio; Moraña de 101.000 € para a terceira fase das obras no campo de fútbol de Mirallos, valoradas en máis de 230.000 €; Barro 98.000 € para a construción do pump track; Portas 92.500 € para as obras de reforma e novos aseos no campo de fútbol; A Lama 91.000 € para melloras no pavillón polideportivo municipal e Campo Lameiro 86.000 € para financiar parte das obras de mellora da eficiencia enerxética no pavillón de deportes municipal, que contan cun orzamento de preto de 208.000 €.
No hay comentarios:
Publicar un comentario