
— Esta iniciativa beneficiou na última convocatoria 16 entidades na área territorial de Pontevedra
— O prazo para solicitar a nova convocatoria do Bono Consolida Economía Social está aberto ata o día 10 de abril
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o hotel Olivo de Reis, no concello de Caldas de Reis para informar sobre o Bono Consolida Economía Social.
Trátase dunha iniciativa que beneficiou 16 entidades da área territorial de Pontevedra por un importe de preto de 270.000 euros na última convocatoria e que ten como obxectivo apoiar a transformación dixital, a eficiencia enerxética e a competitividade de cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego
En concreto, no caso do Olivo de Reis, a axuda de máis de 14.000 euros permitiu a instalación dunha cuberta desmontable que mellorará a eficiencia enerxética da zona de restauración.
O delegado territorial aproveitou a visita para destacar a importancia de "seguir apoiando ás empresas galegas para manter a competitividade e excelencia que as identifica e que ten un impacto tan positivo no conxunto da sociedade galega”.
Cabe destacar que o prazo de solicitude da nova convocatoria deste Bono Consolida Economía Social está aberto ata o día 10 de abril. Estímase que estas axudas permitirán favorecer preto de 250 entidades de economía social en toda Galicia. Neste sentido, poden ser beneficiarias destes apoios sociedades cooperativas e laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego que estean rexistrados e acrediten unha antigüidade mínima de 42 meses.
Como novidade, a Xunta priorizará os gastos de investimento fronte aos correntes co fin de acadar unha efectiva consolidación das entidades da economía social. Dáse así resposta á demanda real detectada na pasada orde, ao tempo que se prima un tipo de gasto que logra xerar un maior retorno no medio e longo prazo. A maiores, elévase de dous a tres anos a obriga de mantemento da forma xurídica das entidades beneficiarias, así como da súa actividade empresarial, co gallo de asegurar a súa permanencia no tecido produtivo.
As achegas serán de ata 30.000 euros por entidade e a intensidade da axuda do 80% do custo subvencionable. Entre outras actuacións con elas fináncianse, investimentos realizados entre o 1 de novembro de 2025 e o 30 de outubro de 2026 en equipamento informático, software, márketing, eficiencia enerxética, elementos de transporte, formación para os socios afiliados ao réxime de traballo autónomo (Reta) ou reformas que se realicen en calquera instalación do centro de traballo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario