Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

sábado, 19 de mayo de 2018

CHEGA A SEGUNDA CONVOCATORIA DA EOI E DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA PARA O COWORKING DE BARRO



Tras o éxito da primeira edición, a institución provincial organiza este programa no que poden participar entre 16 e 22 proxectos emprendedores
Este espazo coworking é froito da colaboración entre EOI e a Deputación de Pontevedra e conta con financiación do Fondo Social Europeo

A Deputación de Pontevedra e a Escola de Organización Industrial (EOI) lanzan a segunda convocatoria para a solicitude dos espazos de coworking do Viveiro de empresas de Barro, que dará cabida a entre 16 e 22 proxectos emprendedores da provincia. A través desta convocatoria, que dará comezo durante a primeira semana de xuño, as e os beneficiarios  disporán dun espazo de traballo gratuíto durante 5 meses así como dun programa de asesoramento personalizado impartido por persoal experto, formación para potenciar as competencias en emprendemento e en xestión de proxectos e acceso aos laboratorios de fabricación dixital que se atopan no mesmo centro.

Os proxectos seleccionados seguirán un proceso de asesoría personalizada de 40 horas por parte de persoal experto. O asesoramento ten por obxectivos acompañar ás e aos emprendedores dende o deseño do modelo de negocio ata a súa posta en marcha e a optimización do proxecto, dando resposta ás necesidades que aparezan no camiño.

Ademais, desenvolveranse máis de 60 horas de formación especializada en diversas temáticas que se tratarán en obradoiros e sesións formativas grupais para potenciar as competencias en emprendemento e en xestión de proxectos. Os cursos abordarán por exemplo a consolidación e validación do modelo de negocio seguindo a metodoloxía "Lean StartUp", as habilidades e ferramentas para o emprendemento ou materias específicas para o impulso e despegue do proxecto empresarial.

Por outro lado, celebraranse diferentes actividades encamiñadas a potenciar o networking e compartir boas prácticas, contando coa experiencia doutras iniciativas emprendedoras, persoas expertas e empresariado. Como peche a cada unha das edicións, celebrarase un Demo Day durante o cal se presentarán os proxectos participantes no espazo coworking, a súa evolución e as posibilidades de colaboración cos mesmos.

As e os participantes no coworking terán acceso tamén de maneira gratuíta ao novo FabLab (Laboratorio de Fabricación Dixital) da Deputación de Pontevedra, que está situado no mesmo espazo do viveiro de Barro, e onde contase con equipamento de fabricación dixital (impresoras 3D, escáneres 3D, kits de Arduino, fresadora de madeira, soldadores de electrónica, material electrónico diverso, utillaxe, etc.). Nestes laboratorios desenvolveranse unha completa programación de talleres específicos de fabricación dixital para promover o coñecemento e uso desta tecnoloxía. Deste xeito, calquera emprendedor ou emprendedora que o precise poderá experimentar e prototipar o seu deseño nestas innovadoras instalacións.

As iniciativas empresariais interesadas en participar nesta segunda convocatoria poderán cursar as súas solicitudes na páxina web: https://www.eoi.es/es/espacios-coworking/pontevedra-2aedicion/admision.

O obxectivo principal do coworking é fomentar o emprendemento e aumentar as posibilidades de éxito dos proxectos emprendedores que participen nestes espazos compartidos nun período limitado de tempo, identificando os proxectos con máis potencial de desenvolvemento. Desta forma, a EOI e a Deputación de Pontevedra buscan que os proxectos participantes poidan incorporarse en aceleradoras e cubrir así a seguinte fase no desenvolvemento das súas empresas.

O viveiro de empresas de Barro dispón dun espazo de coworking de 125 metros cadrados, que conta con postos de traballo, unha zona para descanso e networking, e unha sala de reunións.

No hay comentarios:

Publicar un comentario