Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

domingo, 19 de agosto de 2018

AREEIRO ACONSELLA PODAS E LABORES CULTURAIS NA VIÑA MENTRES SE MANTEÑAN AS ALTAS TEMPERATURAS





O persoal técnico sinala que tras a ola de calor da pasada fin de semana agora o importante é asegurar a imprescindible ventilación dos acios

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, aconsella podas e labores culturais na viña encamiñadas a asegurar a ventilación dos acios e o correcto desenvolvemento das plantas. O persoal técnico da EFA indica no seu aviso fitosanitario semanal que tras a ola de calor da pasada fin de semana xa se produciu un avance na fenoloxía das plantas e que en todas as fincas de todas as comarcas hai acios iniciando o pintado. Así, e ante a previsión de que se manteñan as altas temperaturas, indican que o risco de potencial infección por enfermidades como o mildeu será baixo. Consideran que en xeral non será preciso aplicar tratamentos posto que con esta previsión irase xeneralizando o pintado do acio e o fungo non poderá afectarlle. Como excepción, só recomendan tratamentos en fincas con manchas novas abundantes e que xa tiveran infeccións mal controladas durante a campaña. Neste caso, aconsellan aplicacións de funxicidas de cobre en doses medias ou baixas. En todo caso, lembran que neste momento hai que procurar a imprescindible ventilación dos acios, polo que recomendan a poda dos gromos excesivamente longos, o que podería suplir tratamentos potenciais ao eliminar manchas e evitar retención de humidade a nivel das plantas.
Desde a EFA indican que o pintado dos acios tamén manifesta unha resistencia natural ás infeccións por oídio, polo que segundo se vaia xeneralizando o pintado nas viñas tamén diminuirá a necesidade de protección ante esta enfermidade. Os técnicos non recomendan tratamentos, agás en variedades sensibles con infeccións mal controladas desde antigo e nas que o número de acios que non chegaron ao inicio do pintado sexa maioritario. Aconsellan como labor cultural a eliminación dos acios coñecidos como ‘rebuscos’ naquelas viñas cunha elevada presenza deles, xa que os rachos que poidan producirse nos grans polo oídio poden favorecer os ataques de botrite cando se dean as condicións favorables.

En canto á botrite, o persoal técnico da EFA lembra que se ben co pintado dos acios desaparece a sensibilidade ao mildeu e ao oídio, aumenta a susceptibilidade á brotite polo que esta pasa a ser a enfermidade á que se lle debe prestar atención a partires de agora. Aconsellan especialmente non descoidar as labores que faciliten a aireación dos acios pero non recomendan aplicar tratamento mentres as condicións meteorolóxicas se manteñan.  

A maiores da viña, e unha semana máis, desde Areeiro volven chamar a atención sobre a denominada ‘praga do buxo’. Aseguran que dominan nas sebes as crisálidas da bolboreta de Cydalima perspectalis  e xa se observaron os primeiros adultos da nova xeración, polo que insisten na necesidade de prestar atención á aparición de ovos e eirugas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario