Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

sábado, 23 de febrero de 2019

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA REDUCE DE TRES A DOUS OS MEMBROS DA XUNTA DE GALICIA NA MESA DO CAMIÑO DE SANTIAGO NA PROVINCIA



§  A institución provincial decidiu hoxe, de xeito irregular e sen previo aviso, excluír á S.A. de Xestión do Plan Xacobeo deste grupo de traballo
§  O Goberno galego fai un chamamento ao clima de diálogo e participación que está caracterizando a preparación do Xacobeo 21 como proxecto estratéxico de país

A Deputación de Pontevedra decidiu hoxe, de xeito irregular e sen previo aviso, a exclusión da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo da Mesa do Camiño de Santiago nesta provincia. Deste xeito, a institución provincial volve incumprir o regulamento deste grupo de traballo e reduce de tres a dous o número de representantes da Xunta de Galicia, a institución competente na xestión e promoción da Ruta Xacobea.

Despois de que o pasado mes de xaneiro a Deputación de Pontevedra vetara a participación do conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, a orde do día de hoxe prevía adaptar a representatividade oficial da Xunta á nova estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo, pero en ningún caso reducir a súa presenza dado o seu interese por traballar neste eido. De feito, malia que a Xunta manifestouse en contra desta decisión tras ter coñecemento durante a reunión, o presidente da Mesa decidiu sometelo a votación.

Resulta rechamante que se reduza a representatividade da administración que ten recoñecida a competencia da promoción e a sinalización dos Camiños de Santiago, así como a súa conservación e mantemento en colaboración con outras administracións públicas.

A decisión da Deputación contravén, igualmente, o primeiro obxectivo para o que foi creada a Mesa segundo o seu regulamento: “Ter información da Xunta de Galicia, a administración competente en materia do patrimonio cultural e de Turismo de Pontevedra, dos proxectos, accións e investimentos para a conservación, valorización, promoción, recuperación, sinalización e xestión do Camiño de Santiago o seu paso pola provincia de Pontevedra”.

Á vista desta actitude, o Goberno autonómico volve facer un chamamento ao entendemento e o diálogo ao redor do Camiño de Santiago por riba de intereses localistas, partidistas ou particulares de calquera tipo. A Xunta de Galicia vén construíndo unha arquitectura participativa a todos os niveis na organización do Xacobeo 21, un clima que comparten a inmensa maioría das administracións públicas, entidades privadas e a sociedade civil.

Participación en diversos órganos
Como parte desta vontade integradora e construtiva, esta mesma semana a Xunta pediu á Delegación do Goberno en Galicia a incorporación da Deputación de Pontevedra como membro da Comisión de Seguridade Viaria dos Camiños de Santiago. Así mesmo, tense solicitado á Deputación de Pontevedra que designe un representante para participar na convocatoria do Consello Reitor da Axencia Turismo de Galicia en próximas datas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario