- O acto tivo lugar na Delegación Territorial de Pontevedra e no mesmo analizáronse as liñas de axudas do Plan MAT que poñen en marcha tanto a Consellería de Economía, Emprego e Industria, como a da Consellería de Cultura e Turismo.
A Delegación Territorial da Xunta en
Pontevedra foi escenario esta mañá dun encontro entre responsables autonómicos
e representantes do sector turístico para dar a coñecer a nova convocatoria de
axudas que acaba de abrir a Xunta de Galicia en relación a actuacións de
melloras das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento da
Comunidade Autónoma de Galicia.
No acto,
presidido pola secretaria territorial da Xunta en Pontevedra, Ana Ortiz,
estiveron tamén presentes o subdirector Xeral de Emprego, Juan Lirón Lago, así
como a técnica responsable de programas del Igape, Carla García Valcarce, xa
que tamén se deron a coñecer as novas subvencións que tanto a Consellería de
Economía como o IGAPE acaban de publicar en relación ao sector do turismo.
A Xunta de Galicia abriu así as dúas primeiras liñas de axudas do Plan MAT
de Mellora de Aloxamentos Turísticos. Trátase de dúas ordes, da Consellería de
Economía, Emprego e Industria e da Consellería de Cultura e Turismo, dotadas
con 4 millóns de euros coa previsión de que poidan beneficiar a 550
establecementos galegos.
En relación as
axudas da Consellería de Cultura, A xefa territorial deste ámbito en
Pontevedra, María José Echevarría, explicou aos presentes, que esta nova liña
de axudas ten como obxectivo “adaptar as infraestruturas e instalación dos
establecementos turísticos mediante a incorporación de elementos de
sustentabilidade e accesibilidade e a renovación das infraestrutura cara á
modernización e implantación dos estándares de calidade demandados polo
mercado”.
Fundamentalmente
se subvencionan cuestións como a mellora da accesibilidade e a supresión de barreiras;
mellora nas instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade;
para incrementar a categoría do establecemento; para a posta en marcha de
medidas de aforro enerxético e de embelecemento do aloxamento, así como a
renovación dos equipamentos mobles necesarios.
Poderán ser beneficiarios das subvencións os
establecementos turísticos de aloxamento incluídos no Rexistro de Empresas e
Actividades Turísticas da Xunta (REAT), con especial incidencia nas pequenas e
medianas empresas do sector. Deberán acreditar unha antigüidade na actividade
non inferior á cinco anos. Ademais, entre os criterios de valoración atópanse
tamén o grado de investimento, o impacto no emprego, o tamaño da entidade e que
estean en posesión tanto dalgún certificado de calidade para o sector turístico
como dalgunha certificación ambiental internacionalmente recoñecida.
Finalmente, terase en conta que a empresas solicitantes teñan implementados un
plan de igualdade ou de formación.
O investimento neto admitido por cada proposta
será de ata 100.000 euros. Os proxectos poderán acadar unha subvención de ata o
35% sobre o orzamento do investimento subvencionable. Polo tanto, o importe
máximo da axuda a cada entidade beneficiaria será así de 35.000 euros. A
porcentaxe de axuda calcularase en base a puntuación que acaden. Así, entre 61
e 100 puntos recibirán o 35%, entre 41 e 60 o 30% e entre 20 e 40 o 25%. Os
interesados poden solicitalas ata o 28 deste mes.
Axudas
Consellería de Economía
En
concreto, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto
Galego de Promoción Económica (Igape), impulsa o programa Reforma TUR 2019,
unha iniciativa pioneira que contará cun investimento de 3M€ para facilitar a
mellora e modernización de servizos de 500 establecementos hoteleiros. En
concreto, está dirixido a hoteis, hoteis baleneario e hoteis talaso cun máximo
de 40 prazas, así como instalacións de turismo rural e albergues privados
situados no Camiño de Santiago.
O programa achegará axudas que cobren o 25% e
alcanzan rebaixas do 50% nos gastos de compra de materiais para a reforma dos
establecementos, ao sumar outro desconto do 25% a facer polas empresas
adheridas ao programa. As axudas públicas poderán acadar os 25.000 euros. A
iniciativa, que prevé mobilizar máis de 24M€, contribuirá a estimular tanto a
actividade económica como o emprego entre as pemes e os autónomos do sector da
construción.
O prazo para a presentación de solicitudes de
axuda, que serán resoltas por vía telemática en cuestión de días, estará aberto
para as entidades colaboradoras desde mañá, 29 de xaneiro e ata o 28 de marzo,
mentres que os locais hoteleiros disporán desde o 28 de febreiro ata o 30 de
abril para a presentación. As solicitudes dos beneficiarios deberán presentarse
nos establecementos adheridos ao programa. Pode consultarse na web da Xunta.
Obxectivos do Plan MAT
O Goberno galego, a través de cinco
departamentos, impulsa o novo Plan MAT co obxectivo de seguir configurando un
destino máis competitivo e que aposta pola calidade. Así, están presentes a
Presidencia da Xunta, a través de Amtega; a Consellería de Economía, Emprego e
Industria, a través do Igape e do Inega; a Consellería de Cultura e Turismo,
que coordina as diferentes accións; a Consellería do Medio Rural, a través de
Agader, e a Consellería do Mar. A través das distintas liñas de axudas
previstas e das numerosas actuacións que impulsará, estimularase a innovación,
a accesibilidade e a dixitalización deste sector, que supón un piar fundamental
da economía da nosa Comunidade
Por unha parte, búscase mellorar a oferta
existente, dotándoa de máis e mellores servizos na procura da excelencia e a
calidade. Por outra, configurar unha oferta axustada e especializada nos
distintos territorios que son potencialmente interesantes pola súa vinculación
ao medio mariño e pesqueiro, así como ao medio rural. Deste xeito, aspírase a
un triplo obxectivo de dinamización, crecemento e empoderamento e
profesionalización.
O Plan MAT prevé liñas para incentivar a oferta
e dirixir o esforzo cara a consecución dun mellor tecido turístico que dea e
manteña a vida en contornos naturais, maritimo-pesqueiros e rurais, cunha
concepción da oferta feita desde o territorio, polo territorio e para o
territorio. Na actualidade, considérase que a oferta é boa, pero precisa
ampliarse a través de diferentes liñas de negocio ata acadar un sector máis
forte e cunha oferta variada e profesionalizada.
As liñas estratéxicas do Plan MAT buscan a
mellora estrutural da competitividade do sector turístico, a formación,
calidade e actualización, a innovación e desenvolvemento e a comercialización e
busca de sinerxías. Entre os seus eixos de actuación inclúense a valorización do
medio/contorno, a eficiencia e mellora enerxética, a accesibilidade universal,
con especial atención á igualdade, e a dixitalización e a sociedade do
coñecemento.
Amplo abano de iniciativas
O Plan MAT comprende preto de vinte liñas de
axudas para a creación ou mellora de establecementos de aloxamento, a través de
subvencións e instrumentos financeiros. Igualmente, vai acompañado de numerosas
actuacións tales como a creación dun mapa interactivo de axudas que permita ao
sector coñecer polo miúdo os recursos dispoñibles; actividades formativas,
xornadas de networking global e sectorial, encontros informativos con expertos,
difusión de boas prácticas, recoñecemento e distinción da excelencia; cursos de
especialización a cargo de entidades de prestixio como o Centro Superior de
Hostelería de Galicia (CSHG), formación e xornadas de sensibilización en
accesibilidade, actividades orientadas á innovación e de apoio á xestión e
actualización continua ou divulgación.
Establécense, ademais, actuacións en eidos
singulares para o aproveitamento dos aloxamentos turísticos nos Camiños de
Santiago, termalismo, turismo e xuventude (festivais, deportes...) e turismo
científico (ornitoloxía, astronomía, xeoloxías ou patrimonio industrial).
No hay comentarios:
Publicar un comentario