§ A institución provincial decidiu hoxe,
de xeito irregular e sen previo aviso, excluír á S.A. de Xestión do Plan
Xacobeo deste grupo de traballo
§ O Goberno galego fai un chamamento ao
clima de diálogo e participación que está caracterizando a preparación do
Xacobeo 21 como proxecto estratéxico de país
A Deputación de Pontevedra decidiu hoxe, de
xeito irregular e sen previo aviso, a exclusión da S.A. de Xestión do Plan
Xacobeo da Mesa do Camiño de Santiago nesta provincia. Deste xeito, a
institución provincial volve incumprir o regulamento deste grupo de traballo e
reduce de tres a dous o número de representantes da Xunta de Galicia, a institución
competente na xestión e promoción da Ruta Xacobea.
Despois de que o pasado mes de xaneiro a Deputación de Pontevedra vetara
a participación do conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, a orde do
día de hoxe prevía adaptar a representatividade oficial da Xunta á nova
estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo, pero en ningún caso
reducir a súa presenza dado o seu interese por traballar neste eido. De feito,
malia que a Xunta manifestouse en contra desta decisión tras ter coñecemento durante
a reunión, o presidente da Mesa decidiu sometelo a votación.
Resulta rechamante que se reduza a
representatividade da administración que ten recoñecida a competencia da
promoción e a sinalización dos Camiños de Santiago, así como a súa conservación
e mantemento en colaboración con outras administracións públicas.
A decisión da Deputación contravén, igualmente, o primeiro obxectivo para
o que foi creada a Mesa segundo o seu regulamento: “Ter información da Xunta de
Galicia, a administración competente en materia do patrimonio cultural e de
Turismo de Pontevedra, dos proxectos, accións e investimentos para a
conservación, valorización, promoción, recuperación, sinalización e xestión do
Camiño de Santiago o seu paso pola provincia de Pontevedra”.
Á vista desta actitude, o Goberno autonómico volve facer un chamamento ao
entendemento e o diálogo ao redor do Camiño de Santiago por riba de intereses
localistas, partidistas ou particulares de calquera tipo. A Xunta de Galicia
vén construíndo unha arquitectura participativa a todos os niveis na
organización do Xacobeo 21, un clima que comparten a inmensa maioría das
administracións públicas, entidades privadas e a sociedade civil.
Participación en diversos órganos
Como parte desta vontade integradora e
construtiva, esta mesma semana a Xunta pediu á Delegación do
Goberno en Galicia a incorporación da
Deputación de Pontevedra como membro da Comisión de Seguridade Viaria dos
Camiños de Santiago. Así mesmo, tense solicitado á Deputación de Pontevedra que
designe un representante para participar na convocatoria do Consello Reitor da
Axencia Turismo de Galicia en próximas datas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario