§ A Consellería de Infraestruturas e Vivenda lamenta que o organismo
provincial ignorase as convocatorias do Goberno autonómico para sumarse ao
traballo en marcha para a modernización do transporte público en Galicia
§ Lembra que os partidos que sustentan o executivo da Deputación
dificultan desde os gobernos municipais de Vigo e Pontevedra o pleno
desenvolvemento do Plan de transporte metropolitano
§ Trátase dun plan social que bonifica os billetes de autobús e do
transporte de ría e que permite que os menores de 19 anos viaxen gratis coa
Tarxeta Xente Nova
§ A Administración autonómica está a investir máis de 80 millóns de euros
neste exercicio para a mellora da seguridade viaria en Galicia, con actuacións
tan importantes como a Autovía do Morrazo ou os plans de sendas das comarcas do
Morrazo, Pontevedra e o Salnés, ademais da eliminación dos treitos de
concentración de accidentes
A Xunta
de Galicia convida á Deputación provincial de Pontevedra a traballar pola
mellora do tráfico nas vías da provincia mediante a súa implicación real na
mellora do transporte público, que representa a fórmula máis eficaz, segura e
sostible de evitar os atascos.
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda
lembra que as retencións de tráfico rexistradas nos últimos días, en
determinados puntos da rede viaria da provincia de Pontevedra, teñen a súa
orixe nun incremento moi substancial do número de vehículos en circulación nas
estradas de acceso ás principais zonas costeiras da provincia, motivado pola
coincidencia de xornadas festivas con boas condicións meteorolóxicas.
A Xunta de Galicia entende que o fomento do
transporte público é unha medida eficaz para evitar estas situacións puntuais,
e tamén para mellorar a mobilidade dos cidadáns, optimizar a fluidez do tráfico
e diminuír as emisións contaminantes con carácter xeral.
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda
lamenta que a Deputación Provincial de Pontevedra non comparta esta aposta e
ignorase as convocatorias do Goberno autonómico para sumarse ao traballo en
marcha para a modernización do transporte público en Galicia, mediante unha
reorganización integral do mapa de liñas da Comunidade.
Ademais, a Xunta lembra que os partidos
políticos que sustentan o executivo da Deputación, PSdeG e BNG, dificultan
desde os gobernos municipais de Vigo e Pontevedra, respectivamente, o
desenvolvemento do Plan de transporte metropolitano nas súas comarcas.
Este é un auténtico plan social que bonifica
os billetes de autobús e do transporte de ría e que permite que os menores de
19 anos viaxen gratis coa Tarxeta Xente Nova.
Ademais de apostar polo transporte público, a
Administración autonómica está a investir máis de 80 millóns de euros neste
exercicio para a mellora da seguridade viaria en Galicia, con actuacións tan
importantes como a Autovía do Morrazo ou os plans de sendas das comarcas do
Morrazo, Pontevedra e o Salnés, ademais da estratexia para a eliminación de
todos os treitos de concentración de accidentes na rede viaria autonómica.
No hay comentarios:
Publicar un comentario