O persoal técnico sinala a
necesidade de vixiar as plantas, nas que se detectan ácaros e alteracións da
madeira
Nas plantacións de patacas é
preciso renovar os tratamentos de non levantarse nos vindeiros días
A Estación
Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra,
vén de constatar esta semana unha “situación bastante tranquila” nas viñas da
provincia pola estabilización das infeccións de Mildeu. Segundo indica o
persoal técnico, nestes momentos nos que o número de acios que se aproximan ao
peche vai incrementándose, hai condicións climáticas menos favorables ás
infeccións e un descenso claro no número de esporanxios do fungo.
Os síntomas en
acio nas parcelas onde estaba presente o Mildeu non avanzaron, e nas follas só
se apreciou algunha que outra mancha nova nalgunha folla tenra.
Consecuentemente, e aínda que a situación xeral pareceu estabilizarse esta
semana, o persoal técnico sinala que non se debe descoidar a vixilancia dos
viñedos, tanto polo nivel de inóculo previo, que pode xerar novos brotes, como
pola situación agronómica particular. Neste último sentido, dende Areeiro
destacan que normalmente as fincas con maior presencia de síntomas son aquelas
menos aireadas por unha inadecuada xestión da vexetación, motivo polo que insisten
unha vez máis en que as esfollas, podas en verde e as rozas son fundamentais.
En canto ao Oídio,
a aireación dos acios está descubrindo como algúns grans afectados aos que non
chegaran os tratamentos. A situación está bastante tranquila a nivel das
variedades brancas, pero aínda así hai que manter a vixilancia e continuar as
labores de ventilación. Nas variedades tintas, sobre todo naquelas máis
sensibles, hai maior porcentaxe de grans afectados, e mesmo algúns xa están
totalmente cubertos polo micelio do fungo. Por esta situación, é preciso
renovar tratamentos nas variedades brancas só se é necesario facer unha
intervención fronte ao Mildeu, mentres que nas tintas o nivel de vixilancia
debe ser maior, e mesmo convén renovar o tratamento nas viñas máis afectadas.
Por outra banda,
segue a haber niveis baixos de capturas
nas trampas de cicadélidos. Aínda así, hai viticultores que falan de síntomas
de “mosquito verde” a consecuencia da observación de marxes amarelos secando
nalgunhas follas, mais non hai que
esquecer que esta sintomatoloxía, segundo apunta a técnica Rosa Pérez, non é
específica e pódese confundir con seca, deficiencias nutricionais, alteracións
fisiolóxicas ou acidez, que sen dúbida son a causa actual deses síntomas.
Finalmente, esta
semana observouse un incremento importante na presencia de erinose de verán, o
cal xa é unha situación habitual nas últimas campañas. De todas formas, é
preciso lembrar que non son necesarios os tratamentos fronte á raza deste ácaro
que temos en Galicia. Tamén é destacable que co avance da campaña continúan
aparecendo síntomas de alteracións de madeira nalgunhas viñas.
Maceira
No que respecta
ás maceiras, esta semana non se atoparon síntomas novos de moteado nas parcelas
de seguimento, pero as previsións de continuidade de tempo inestable obrigarán
a manter a vixilancia e mesmo a renovar as intervencións naquelas variedades
con presencia de síntomas.
Doutra banda, nalgunhas
trampas as capturas de couzas superan o limiar de tratamentos e mesmo observouse
algún síntoma novo na escasa froita que hai nas árbores. Ao marxe de manter
aínda a protección, xa é bo momento para iniciar a colocación das bandas de
cartón ondulado arredor do tronco das árbores a modo de trampa para as eirugas.
Tamén é salientable que co avance do verán empeza a ser frecuente atopar
plantas sensibles co síntoma característico das arañas vermellas (un bronceado
das follas que mesmo se pode ver a certa distancia), polo que se hai necesidade
de aplicar un tratamento é preciso elixir produtos con curto prazo de
seguridade nas variedades máis temperás.
Finalmente, no
aviso fitosanitario desta semana destácase que nas árbores froiteiras de óso
estase a detectar o ‘Mal do chumbo’ (Chondrostereum
purpureum). Os consellos fronte a esta patoloxía pasan por eliminar as
ramas afectadas ou as árbores danadas no período estival (e mellor en tempo
seco) para reducir o nivel de inóculo presente na parcela. Ademais, inmediatamente
despois de cada corte (non despois de ter podada a planta enteira) hai que
aplicar unha pasta funxicida e, antes de podar a seguinte rama, hai que
desinfectar moi ben as tesoiras. Finalmente, todos os restos podados deben ser
retirados da finca.
Pataca
Por último, e como
era de esperar polas condicións climáticas deste ano, nalgunhas plantacións de
patacas hai síntomas novos de Mildeu. Por este motivo, se non se van levantar
nos próximos días, haberá que renovar os tratamentos.
En canto ao escaravello
e pulguiña da pataca (Epitrix spp)
tamén nalgunhas plantacións hai poboacións importantes de escaravello (adultos
e postas basicamente) que, se non se controlan poden chegar a eliminar case
toda a parte verde da planta. Pola súa banda, nas plantacións menos afectadas
poden observarse síntomas de diferente intensidade das pulguiñas. “Non esquezan
que se van recoller pronto as patacas e aínda así teñen a necesidade de tratar deben
respectar estritamente o prazo de seguridade do produto elixido”, apunta a
técnico da EFA Rosa Pérez.
No hay comentarios:
Publicar un comentario