AREEIRO ADVIRTE DUN NIVEL “MOI ALTO” DE ALERTA ANTE O MILDEU E ACONSELLA REPETIR TRATAMENTOS SE SE DETECTAN NOVOS SÍNTOMAS - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

jueves, 5 de julio de 2018

AREEIRO ADVIRTE DUN NIVEL “MOI ALTO” DE ALERTA ANTE O MILDEU E ACONSELLA REPETIR TRATAMENTOS SE SE DETECTAN NOVOS SÍNTOMAS




O persoal técnico sinala que a climatoloxía favoreceu a aparición de ataques importantes e de sucesivos ciclos da enfermidade

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén emitir un aviso advertindo da necesidade de manter un nivel de alerta “moi alto” ante o Mildeu nas viñas da provincia. O persoal técnico apunta que a pesar de ter renovado os tratamentos será fundamental vixiar o viñedo para comprobar a súa eficacia e detectar canto antes a potencial aparición de novos síntomas, en cuxo caso haberá que repetir as aplicacións dando prioridade a funxicidas con materias activas que posúan efecto curativo e antiesporulante.

O aviso fitosanitario desta semana explica que estas últimas xornadas o incremento do tamaño dos grans dos acios foi moi elevado na totalidade das viñas, circunstancia favorecida polas temperaturas e as humidades altas que se rexistran. Así, as uvas atópanse de media no estado de baias de 3 mm e xa moitas acadan o tamaño chícharo, habendo diferencias evidentes entre grans formados e abortados dun mesmo acio nalgunhas fincas con fallos na floración polas choivas.

En canto ás patoloxías, o persoal técnico subliña que as condicións climáticas tan favorables ao Mildeu (calor e humidade) traducíronse en sucesivos ciclos da enfermidade, rexistrándose un un incremento importante no volume de esporanxios en plantas testemuña (sen tratamento algún) e incluso varios gromos (aparte dos acios) totalmente cubertos da frutificación do fungo.

Nesta semana houbo viticultores e técnicos que informaron a Areeiro sobre a aparición de síntomas moi destacados tanto en acio como en folla en especial no Salnés e no Condado. Incluso a intensidade do ataque foi moi elevada nunha finca que produce en ecolóxico, onde a práctica totalidade de acios presentaba diferentes porcentaxes de afectación, a maioría de máis do 25%.

De cara aos próximos días o tempo inestable continuará a favorecer infeccións secundarias, polo que o nivel de alerta debe ser moi alto e, a pesar de ter realizado aplicacións, será fundamental comprobar a súa eficacia e repetilas no caso de ser necesario, dando prioridade a funxicidas con materias activas que posúan efecto curativo e antiesporulante, sendo moi recomendable consultar aos técnicos.

En canto ao Oidio, dado que o estado  fenolóxico actual a uva é sensible ao fungo, a técnica Rosa Pérez repite a recomendación da semana anterior de engadir un funxicida antioído cando se renove o tratamento fronte ao mildio, e de facer unha eliminación moderada de follas na contorna dos acios.

Tamén se advirte de que coas elevadas temperaturas que se rexistraron o estrés das plantas é maior, e de que xa empezan a observarse síntomas de enfermidades da madeira. Hai que lembrar que se afectan a un só brazo e este xa está totalmente seco pode eliminarse agora aplicando un funxicida na zona do corte que quede na planta. Se afectan á totalidade da planta, teñen que marcarse para que estea ben identificada no momento da poda.

Maceira e marmeleiro
No referido ás maceiras, nas parcelas de seguimento (sen tratar) de Areeiro apareceron nesta semana novos síntomas de moteado en folla. Dado que é un patóxeno capaz de causar danos ata o final do ciclo haberá que renovar os tratamentos nas variedades sensibles no caso de estar as plantas desprotexidas por ter concluído xa o período de protección da intervención anterior.

No aviso fitosanitario tamén se advirte da instalación de diferentes fungos oportunistas nos froitos que presentan feridas causadas por insectos, paxaros ou avespas, e se aconsella retirar estes froitos por ser unha fonte de contaminación para outros.

Do mesmo xeito que no caso da maceira, tamén no marmeleiro obsérvanse follas cunha elevada presenza de  micelio de  Oídio, pois as condicións climáticas están a ser favorables. Tamén se notou un incremento das árbores afectadas por Entomosporium maculatum, que pode provocar caída prematura de follas.

Buxo
A elevada humidade destes días está a provocar a aparición de síntomas de Cylindrocladium buxicola  nalgunhas sebes, polo que se recomenda aplicar un tratamento, eliminar as follas secas para favorecer a aireación das plantas e, en caso de realizar regas, utilizar goteo en lugar de  aspersión. En canto á Cydalima perspectalis non se observaron cambios importantes nesta semana, polo que de momento só hai que seguir vixiando as plantas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario