O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo mantivo hoxe unha xuntanza con representantes de Aproin
A Xunta de Galicia e a Asociación de promotores inmobiliarios de Pontevedra (Aproin) buscarán fórmulas de colaboración para o desenvolvemento de actuacións de rehabilitación en materia de vivenda.
O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García Porto, mantivo hoxe unha reunión con representantes de Aproin, Javier Garrido (presidente), Raúl Ameijeiras (vicepresidente) e Juan Arnáiz (secretario técnico).
Na xuntanza realizaron un repaso de todos os temas relacionados coa vivenda na provincia de Pontevedra, e tamén abordaron os distintos programas e medidas incluídas no Pacto social pola vivenda de Galicia 2021-2025, como a construción de vivenda protexida ou o impulso ás actuacións de rehabilitación e rexeneración urbana.
Outro dos temas que se abordaron na reunión foi o proxecto de San Paio de Navia. O director xeral do IGVS recordou o esforzo que realiza a Xunta para darlle este ano un pulo definitivo ao barrio vigués, reservando 8 millóns para as expropiacións e as obras de urbanización, ademais de comezar coa comercialización das primeiras parcelas para que empresas e cooperativas poidan iniciar así a edificación das aproximadamente 1.600 vivendas públicas proxectadas neste ámbito residencial.
No hay comentarios:
Publicar un comentario