― O desvío realizarase do luns 19 ao xoves 22, entre as 08.30 e as 19.30 horas, derivándose o tráfico polo tramo antigo da PO-531 en Curro
― A intervención consiste no estendido de microaglomerado en frío entre os puntos quilométricos 8+300 e 11+000, incluídos os ramais coa autovía do Salnés
― Esta actuación enmárcase nun contrato que inclúe a rehabilitación do firme nas estradas PO-316, PO-309 e PO-300 e que supón un investimento de 1,3 M€
― A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras
As obras de mellora do firme na estrada PO-531 en Curro, no concello de Barro, farán necesario o desvío do tráfico a partir deste luns.
A afección ao tráfico producirase desde este luns día 19 ao xoves día 22, no horario comprendido entre as 8.30 e as 19.30 horas, derivándose o tráfico polo tramo antigo da estrada PO-531 en Curro.
A intervención neste tramo consiste no estendido de microaglomerado en frío entre os puntos quilométricos 8+300 e 11+000 da PO-531, incluídos os ramais de conexión coa autovía do Salnés (AG-41).
O obxectivo destes traballos é dotar a estrada dunha capa superficial que optimice especialmente as características do firme e contribúa a aumentar a seguridade viaria.
Esta actuación enmárcase nun contrato máis amplo que inclúe a rehabilitación do firme nas estradas PO-316, entre A Lanzada e O Grove; na PO-309, entre Poio sur (PO-308) e a AP-9; e na PO-300, entre Mosteiro e Cambados, cun investimento global da Xunta de 1,3 millóns de euros.
Estas obras xa deron comezo no mes de xuño e continúan estes días no caso da estrada PO-531, ao paso polo concello de Barro.
O Goberno galego, mediante este tipo de actuacións segue mellorando a rede viaria autonómica para ofrecer unhas estradas seguras e eficientes aos cidadáns.
No hay comentarios:
Publicar un comentario