Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

lunes, 3 de abril de 2017

A DEPUTACION APROBA O EXPEDIENTE PARA A O GOBERNCONTRATACIÓN DO PROGRAMA “EN RUTA COA DEPO”




A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar o expediente para a contratación, mediante procedemento aberto, da xestión, desenvolvemento e execución do programa “En ruta coa Depo”, promovido polo servizo do Cohesión Social e Xuventude. As empresas que presenten ofertas para esta convocatoria deberán ter en conta que se trata dun programa que ten por finalidade crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Amais, o programa pretende impulsar actividades alternativas para o tempo de lecer xuvenil, promovendo o asociacionismo entre a xuventude e o ocio dinámico e saudable. Por outra banda, “En ruta coa Depo” tamén oferta rutas específicas onde nais, pais, titoras e titores poidan gozar coas nenas e os nenos dun ocio común, san, alternativo e divertido que faga doada a conciliación familiar e laboral durante as fins de semana ou estancias estivais.

“En ruta coa Depo” está dirixido a entidades sociais da provincia de Pontevedra que poderán solicitar, por orde de preferencia, tres rutas das 32 propostas, sinalando o mes e o día da semana preferidos para a súa realización. En total a Deputación de Pontevedra oferta 20.000 prazas para gozar dun día coñecendo os lugares sinalados na ruta, acompañados dunha persoa como guía e incluíndo o xantar e o transporte. Por primeira vez haberá prazas de balde, un total de 400 para persoas con dificultades económicas ou risco de exclusión social.  

Este ano a institución provincial preparou un total de 32 alternativas de “En ruta coa Depo” divididas en rutas temáticas, culturais, marítimas, rutas adaptadas para persoas con mobilidade reducida, rutas dinámicas e interxeracionais.

As rutas temáticas do programa “En Ruta coa Depo” ofertan seis alternativas para as entidades.  Aprimeira delas, denominada camelias do Sur, percorre o Parque Quiñones de León e do Castro en Vigo e o Castelo de Soutomaior. A segunda alternativa, camelias señoriais, descorre polos Pazo de Lourizán, Gandarón e Oca na Estrada. A terceira ruta, denominada camelias do mar, achega ás persoas participantes ós Pazos de Rubiáns, A Saleta e Quinteiro da Cruz. A cuarta alternativa, denominada prehistoria, percorre os concellos de Vilaboa, para coñecer a mámoa do Rei; Moaña, para visitar o dolmen de Chan de Armada e Chan de Arquiña, e Redondela para descubrir a mámoa de Monte Penide. A quinta alternativa temática, tamén denominada prehistoria, traslada ás entidades ata Poio, para visitar o Parque arqueolóxico da Caeira, e Marín, para coñecer os petróglifos de Mogor e o Castro da Subidá. A última ruta temática permite ás persoas participantes no programa descubrir algúns dos edificios da Deputación de Pontevedra como o Pazo Provincial, o Palacete das Mendoza, o Museo de Pontevedra e o Pazo deLourizán.

En canto ás rutas culturais trátanse de 13 alternativas que permiten coñecer os principais atractivos turísticos de concellos como Cambados; Salvaterra de Miño e Arbo; Cuntis e Caldas de Reis; Cangas e Bueu; Silleda; Agolada e Vila de Cruces; Lalín; Meis; A Guarda, Tomiño e Tui; Barro, Portas, Valga e Catoira; Ponteareas, Mondariz Balneario e Mondariz; Moaña e Vilaboa e A Cañiza e Covelo.

Pola súa banda a Deputación de Pontevedra oferta ao abeiro do programa “En ruta coa Depo” catro alternativas marítimas. A primeira delas por Arousa, visitando a illa da Toxa, paseando en barco pola ría con degustación a bordo e coñecendo o Museo da Salga do Grove e o xacemento da Lanzada.  A segunda alternativa consiste na visita á  Illa de San Simón, ó Museo Meirande, Redondela,o Castelo de Soutomaior e Ponte Sampaio. A terceira ruta marítima levará ás entidades ata as Illas Cíes así como ata o conxunto histórico de Vigo e o barrio mariñeiro do Berbés. A última alternativa achegará ás persoas participantes ata a Illa de Ons e a localidade mariñeira de Portonovo.

As rutas adaptadas ofertan tres alternativas para persoas con mobilidade reducida. A primeira delas por Vigo, percorrendo o centro arqueolóxico Vila Romana de Toralla, así como o parque de Castrelos, o conxunto histórico e a zona do Náutico. A segunda alternativa, por Baiona e o seu conxunto histórico, a Casa da Navegación e os paseos de Monte Boi e marítimo. A última ruta, por Pontevedra, achega ás interesadas e interesados ó conxunto histórico da cidade así como ó Museo de Pontevedra a e illa do Corvo.

En canto ás rutas dinámicas a Deputación de Pontevedra propón tres ofertas. A primeira delas en Nigrán, realizando surf ou kaiak nas praias de Patos e A Madorra e incluíndo visita ó templo votivo e o arco de Panxón, ó faro de Punta Lameda e ó miradoiro de Monteferro. A segunda ruta, polo Morrazo, levará ás persoas participantes ata a praia de Liméns para montar en kaiak e percorrerá a costa da Vela, Cabo Home, as praia de Melide e Barra e O Facho. A última das alternativas dinámicas é pola Illa de Arousa, facendo surf e remo, así como percorrendo a ruta dos Cons, o miradoiro de Con do Forno e o espazo natural do Carreirón.

Pola súa parte, entre as rutas interxeracionais a Deputación de Pontevedra oferta tres modalidades do programa “En ruta coa Depo”. A primeira delas discorre por Pontevedra e Marín, visitando a senda do río Lérez, Apípolis, a Granxa de Briz, o lago de Castiñeiras e o Ecoparque. A segunda alternativa leva ás entidades ata Barro, Campo Lameiro e Valga, visitando o Parque da Natureza do Río Barosa, o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre así como as fervenzas de Raxoi e Pedrafita e a praia fluvial de Ponte Valga. A última das rutas, por Vigo, transcorre polo parque do Castro, Vigozoo e a ruta etnográfica de Zamáns.

A Deputación de Pontevedra destina ó programa “En ruta coa Depo” 260.000 €, 21.500 € máis que o ano 2016.

No hay comentarios:

Publicar un comentario