AREEIRO ACONSELLA UN SEGUNDO TRATAMENTO CONTRA O MILDEU A REALIZAR DESPOIS DAS CHOIVAS PREVISTAS PARA ESTA FIN DE SEMANA - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

domingo, 30 de abril de 2017

AREEIRO ACONSELLA UN SEGUNDO TRATAMENTO CONTRA O MILDEU A REALIZAR DESPOIS DAS CHOIVAS PREVISTAS PARA ESTA FIN DE SEMANA




Os técnicos da Estación Fitopatolóxica sinalan que nesta aplicación contra o mildeu se deben usar funxicidas que leven `folpet’, para cicatrizar as roturas producidas nos gromos da viña polos ventos desta semana

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), dependente da Deputación de Pontevedra, aconsella un segundo tratamento contra o mildeu na viña e, no caso de que sexa posible, que ese tratamento se retrase ata despois da choivas previstas entre o sábado e o luns da vindeira semana. Os técnicos da EFA indican que no caso de que non sexa posible pospor esta aplicación ata despois do luns, ou no caso de que as choivas non sexan continuadas e se reduzan a chuvascos illados, os tratamentos deben realizarse en viña seca e que só resultarán efectivos se non chove durante a hora seguinte á aplicación. Con todo, advirten que o período de protección se pode ver reducido se as choivas son continuadas despois da aplicación.

Desde a EFA tamén sinalan que os ventos dos últimos días provocaron rotura nos gromos da viña, polo que se a incidencia de rotura é elevada, atendendo á contía de varas afectadas, na aplicación que se faga contra o mildeu deben elixirse funxicidas que leven `folpet’, materia activa cicatrizante. En relación ao vento, os técnicos tamén advirten que as aplicacións que foron realizadas en condicións de vento forte non soen ser eficaces, posto que os fitosanitarios son arrastrados fóra da zona a tratar e, polo tanto, non protexen as plantas.

A recomendación desta segunda aplicación do tratamento contra o mildeu vén dada porque, a pesares de que nestes últimos días o risco foi moi baixo debido ás temperaturas nocturna baixas, a partires do vindeiro mércores espérase que se recuperen, polo que o risco de infección tamén se incrementará. 

En canto á mazá, a EFA alerta sobre a necesidade de vixiar o moteado xa que, no caso de que o incremento das temperaturas nocturnas coincida con condicións de humidade, se incrementaría o risco de ataques desta enfermidade. En canto ao kiwi, recomendan a aplicación dalgún funxicida cicatrizante no caso que houbera feridas significativas pola rotura de gromos a causa dos fortes ventos dos últimos días.

Por último, desde a EFA tamén indican que están a recibir numerosas consultas sobre a loita contra a praga causada polo insecto coñecido como avespiña do castiñeiro. Os técnicos de Areeiro queren lembrar que o único medio de control deste insecto é a loita biolóxica, que realiza a Xunta de Galicia a través de soltas controladas dun parasito denominado ‘Torymus sinensis’. En todo caso, aconsellan non realizar movementos de planta non controlados que poidan contribuír á dispersión do insecto, como unha medida a ter en consideración para axudar a conter esta perigosa praga.

No hay comentarios:

Publicar un comentario