Os técnicos da Estación
Fitopatolóxica sinalan que a pesares de que a maioría das viñas xa recibiron un
primeiro tratamento, as condicións meteorolóxicas manteñen o risco de infección
por este patóxeno
A
Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), dependente da Deputación de
Pontevedra, insiste na necesidade de revisar as viñas para evitar infeccións por mildeu. Hai que lembrar que fai
unha semana se detectaban as primeiras manchas de mildeu tanto en fincas
privadas como nas viñas propias de seguimento en diferentes puntos da provincia.
Os técnicos da EFA aseguran que, a pesares de que xa realizou unha primeira
aplicación do tratamento, seguen detectando a aparición de manchas,
especialmente nas zonas menos aireadas.
Desde
a EFA tamén fan fincapé en que as diferentes previsións metereolóxicas anuncian
unha continuidade da situación climática dos últimos días, pero con
temperaturas diúrnas e nocturnas máis baixas, o que sitúa o nivel de risco en
relación a esta enfermidade como medio. Así, os técnicos recomendan vixiar se
os tratamentos efectuados lograron frear a infección, e renovar as aplicacións
nos casos en que se atopen manchas con esporulación variable. Lembran que hai
que ter en conta que os acios se atopan nun momento de moita sensibilidade a
este patóxeno e que unha mala protección das plantas pode dar lugar a ataques
nos acios en formación e, por tanto, a perdas de colleita xa no inicio da
campaña.
En
canto ao oídio tamén o risco é medio para as variedades máis sensibles, como
son as variedades tintas habituais na provincia. As condicións de luz dos
últimos días, con néboas nalgunhas zonas e con nebolusidade, unidas aos
orballos da noite e primeiras horas do día, son favorables a este fungo. Como todo parece indicar que estas condicións
van continuar nos vindeiros días, os técnicos cren conveniente incrementar a
vixilancia sobre as variedades máis sensibles.
En
canto á couza da mazá, os técnicos
indican que xa se están producindo nalgunhas trampas de feromonas as primeiras
capturas desta especie que, ademais, tamén pode afectar á pereira, ao marmeleiro,
e á nogueira. Posto que o número de
machos recollido é diferente segundo a zona ou mesmo segundo a parcela, desde a
EFA non fan unha recomendación xeral. O que si indican é que neste momento do
ciclo da mazá se deberá aplicar tratamento se nas trampas de feromonas se
recollen máis de tres machos por semana.
Tamén
alertan sobre a aparición das primeiras colonias de pulgón negro na cerdeira que, aínda que de momento non
presenta gran relevancia, si é importante que se vixíen nas plantacións novas
para evitar o enrolamento das follas. Por último, detectaron unha importante
presenza de adultos de mosca branca nos cítricos.
Nos casos en que se observen na maioría dos gromos, recomendan aplicar un
tratamento para evitar o nacemento das ninfas e a instalación dos fungos de
fumagina que manchan as plantas e perturban a fotosíntese.
Pontevedra, 21 de abril de 2017
Saúdos
Gabinete
de prensa
No hay comentarios:
Publicar un comentario