Os técnicos da Estación
Fitopatolóxica sinalan que é bo momento para instalar trampas para as couzas do
acio e da mazá e para as moscas das cerdeiras
É recomendable tratar tamén
as patacas e os carballos
A
Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), dependente da Deputación de
Pontevedra, vén de anunciar no seu último aviso fitosanitario a detección das
primeiras manchas de Mildeu tanto en fincas privadas como nas viñas propias de
seguimento en diferentes puntos da provincia. Os técnicos aconsellan realizar
os tratamentos canto antes, sobre todo se non é posible revisar o viñedo, xa
que de cara á primeiros da semana próxima anúncianse precipitacións que poden
agravar a situación.
Dende
a EFA constataron a aparición das primeiras manchas de mildeu nunha viña do
concello de Cambados no día de onte. Na xornada de hoxe os síntomas foron
detectados nas fincas de seguimento de Barrantes e noutra na viña de Areeiro
(na base dunha vara de aprox. 60 cm de longo). As manchas xurdiron, segundo
explican os técnicos, debido a que nos últimos días véñense recollendo
temperaturas medias do orde de 10-12 graos xunto a humidade foliar.
En
canto ao tratamento, se non se fan as convenientes revisións ó viñedo, é
recomendable aplicalo tanto máis pronto canto máis receptiva sexa a viña, é
dicir, canto mais longos teña os gromos. Por outra banda, a técnica Rosa Pérez
indica que é fundamental controlar a vexetación adventicia da viña, xa que a
aireación é fundamental, e tamén lembrar que o volume de caldo a empregar no
tratamento debe ser baixo para non perder eficacia na intervención.
Seguindo
coas afeccións da viña, a EFA tamén sinala que xa é bo momento para instalar as
trampas de feromonas para o seguimento das poboacións de couzas do acio, polo
menos nas parcelas máis adiantadas. Ocorre o mesmo para coas maceiras, xa que tamén se apunta que nas parcelas onde a maioría das plantas están xa
en floración ou iniciando o desenvolvemento do froito, é preceptivo colocar as
trampas para as couzas da mazá (Cydia
pomonella).
Así
mesmo, tamén é preciso instalar trampas para as diferentes moscas que afectan
ás cerdeiras: nestes momentos de
finalización da floración e de comezo da fase de crecemento dos froitos, as
larvas de Drosophila suzukii poden
danar as cereixas (ademais doutros froitos como a uva, o kiwi, o melocotón, a
fresa, etc) ó alimentarse da súa polpa e favorecer a entrada de diferentes
podremias. “As trampas pódense construír de xeito sinxelo con botellas
plásticas (serven as de auga de 1,5 ou 2 litros) nas que se farán buracos de
aproximadamente medio centímetro na parte superior e onde se verterá vinagre de
mazá preferiblemente (servirían outros atraentes alimenticios). Hai que ter en
conta que non son trampas específicas, polo que capturarán máis especies de
insectos”, segura Pérez.
Tamén
se poden instalar xa as trampas amarelas coa feromona da ‘mosca da cereixa’,
que algúns anos provoca perdas na froita.
Pataca e Carballo
Sobre
á pataca, dende a EFA sinálase que en caso de producirse as precipitacións que
se prevén a partir do martes será necesario prestar moita atención á aparición do
mildeu, igual que na viña, ou ben aplicar un tratamento preventivo antes de que
se produzan as choivas.
Por
outra banda, novamente hai que falar da presenza de eirugas de Operophtera brumata que están a aparecer
en diferentes carballeiras da provincia, do mesmo xeito que ocorreu no mes de
abril dos dous últimos anos. Nalgúns casos aínda se detectan de xeito puntual,
pero noutros xa están causando serias defoliacións, mesmo para xa observar algunhas
árbores sen follas. Para protexer estas árbores, e no caso en que a altura e
porte dos mesmos o permita, recoméndase unha aplicación insecticida con aceite
de parafina.
No hay comentarios:
Publicar un comentario