Os técnicos da Estación
Fitopatolóxica sinalan que non é preciso aplicar tratamentos a nivel xeral nos
viñedos
Xa se detectaron síntomas de
oidio nas maceiras e marmeleiros, de lepra nos melocotoeiros e de psila
africana nos cítricos
Recibíronse consultas para
tratar os buxos de toda Galiza e mesmo de Asturias
A
Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, vén
de facer público o seu último aviso fitosanitario no que sinala que están a
darse os primeiros casos de erinose e de gurgullos nalgunhas viñas da provincia.
Polo de agora non se teñen detectado síntomas de mildeu, excoriose ou black rot
e a nivel de pragas tampouco hai incidencias destacables, o que fai que de
momento non sexa preciso aplicar tratamentos. En calquera caso, noutras árbores
como as maceiras, marmeleiros, melocotoeiros ou cítricos, así como nos buxos,
si é preciso actuar fronte a problemas de oidio, lepra, psilas ou cydalimas,
respectivamente.
Os
técnicos explican que a estabilidade climática e os ventos do norte actuais supoñen
condicións non favorables ó desenvolvemento dos problemas máis preocupantes no
inicio de campaña. Si é conveniente sinalar que as roseiras, que nalgunhas
viñas se usan como sistema de alerta para detectar o fungo no viñedo, xa se ven
afectadas polo oídio, pero este é dunha especie diferente. En canto ás pragas
de insectos tampouco se observan máis que algunhas follas recen estendidas con
indicios de alimentación de lepidópteros e os primeiros adultos de Altica nunha
das fincas de O Condado.
Os
problemas actuais, céntranse, segundo a investigadora Rosa Pérez, na aparición
dalgúns adultos de gurgullo diferente do pedroulo nunha viña, aínda que sen
problemas destacables. En canto ós ácaros, non se ven síntomas de acariose ou
araña vermella, pero si de erinose. “Sabemos que a raza deste ácaro que temos
en Galicia non é, en xeral, perigosa para os viñedos pero este ano algunhas
viñas novas presentan as poucas follas que teñen, é dicir, as más próximas á
vara, fortemente afectadas. Conforme avance o desenvolvemento da vexetación
esta incidencia reducirase, pero nestes casos convén observar a evolución das
poboacións por se chegan a producir un bloqueo do crecemento”, subliña a
técnica.
OUTROS
CULTIVOS
En canto ás maceiras, na revisión das parcelas da rede de seguimento non se
observan pragas, pero dous colaboradores informaron da aparición das primeiras
colonias de pulgón lanífero. Polo que respecta ás enfermidades, só se atopan os
primeiros síntomas de oídio, pero a porcentaxe de gromos afectados aínda está
lonxe do limiar de tratamento.
Tamén os marmeleiros
empezan a aparecer os síntomas de oídio, pero a súa presenza é puntual.
Ademais, en xeral estas árbores están en floración, polo que convén non
intervir para non prexudicar a polinización en si mesma e a actividade dos
insectos polinizadores (abellas e abellóns).
Por outra banda, no referido ás pereiras, nalgunhas zonas as follas
aparecen enroladas lonxitudinalmente debido ó ataque do instecto Dasineura pyri, “pero non hai que darlle
importancia posto que non soen causar danos máis que en viveiros”, asegura
Pérez. Tamén aparecen nalgunhas plantas algúns gromos secos debidos ó ataque do
‘torcebrotes’(Janus compressus), que
tampouco deben ser obxecto de tratamento.
A enfermidade da lepra, endémica na zona de
Pontevedra nos melocotoeiros cando
hai primaveras húmidas, fai que haxa árbores afectadas debido ás chuvias caídas
hai semanas. Para o control desta patoloxía son fundamentais os tratamentos
invernais e sobre todo o do inicio da actividade (estado ‘botón rosa’), pero
para limitar a súa incidencia pódense aplicar funxicidas autorizados do tipo
dodina ou ziram.
A aparición dos gromos nos cítricos, por
outra parte, está contribuíndo a que xa se empecen a observar os ovos e as
primeiras ninfas de psila africana (Trioza
erytreae). “Lembren que a eliminación (e destrución) destes gromos tenros é
unha boa medida para limitar as súas poboacións, ó marxe das aplicacións
insecticidas”, apuntan dende Areeiro.
Finalmente, é conveniente sinalar que nesta
semana foron constantes as consultas recibidas en Areeiro sobre a afección da Cydalima perspectalis ao buxo, tanto da
provincia de Pontevedra como de A Coruña ou mesmo de Asturias. Os produtos
autorizados para o tratamento son os piretroides (de orixe química), ou o
aceite de parafina e o azadiractin (de orixe natural). “Sen embargo, hai que
ter en conta que é unha praga difícil de eliminar polos niños que constrúe
unindo follas ou cos seus propios fíos de seda, ó marxe de polo carácter
frondoso dos buxos, polo que hai que ser moi pacientes na aplicación e procurar
mollar moi ben a planta, para que o insecticida alcance ao maior número de
larvas posible”, destaca a técnica.
No hay comentarios:
Publicar un comentario