Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

lunes, 3 de abril de 2017

A XUNTA DE GALICIA AMOSA O SEU APOIO ÁS PERSOAS CON AUTISMO NA CONMEMORACIÓN DO DÍA MUNDIAL DESTE TRANSTORNO


O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou hoxe as instalacións da Fundación Menela en Nigrán (Pontevedra)

  • As entidades que traballan neste campo únense hoxe baixo o lema ‘Rompamos xuntos barreiras polo autismo, fagamos unha sociedade accesible’
  • O conselleiro destacou que un dos obxectivos é  ‘axudar á sociedade a entender mellor o que significa vivir con autismo, intentando cambiar o enfoque da mera concienciación, á inclusión e á tolerancia’

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou hoxe con motivo do Día mundial da concienciación sobre o autismo, o centro de día Castro Navas da Fundación Menela. Baixo o lema Rompamos xuntos barreiras polo autismo, fagamos unha sociedade accesible, as entidades que traballan en prol das persoas con TEA conmemoran hoxe esta efeméride co obxectivo de “axudar á sociedade a entender mellor o que significa vivir con autismo, intentando cambiar o enfoque da mera concienciación á inclusión e á tolerancia, unha meta que compartimos tamén desde a Xunta de Galicia”, afirmou o conselleiro.

Durante a súa visita ás instalacións, Rey Varela encomiou o traballo que a entidade desenvolve, así como o labor de todas as entidades da comunidade autónoma que traballan en prol do benestar das persoas con este trastorno e do das súas familias. “É fundamental que academos unha mellor comprensión do autismo e actuemos na eliminación daquelas eivas que impiden a plena inclusión e a participación das persoas con este trastorno na nosa sociedade, e para elo precisamos que tanto administracións como entidades rememos xuntos nesta dirección”, declarou Rey Varela. O titular autonómico destacou que a sociedade ten avanzado moito pero aínda quedan muros e prexuízos por derrubar. “Afortunadamente, neste complexo camiño, atopamos entidades como Menela, sen as cales o noso obxectivo sería moito máis difícil”, asegurou Rey Varela.

O conselleiro tamén amosou o seu apoio “neste día tan destacado e nos 364 restantes, ás persoas que conviven con este trastorno e ás súas familias”, ao tempo que engadiu que “eles son a razón do noso traballo”.

O Goberno galego ten un firme compromiso coa eliminación das moitas barreiras que aínda impiden que as persoas con trastornos do espectro autista desfruten plenamente dos seus dereitos. Por elo, a Xunta de Galicia xa está a tramitar o novo convenio de colaboración coa Federación Autismo de Galicia, da que forma parte Menela, e co que se continuará a atención ás persoas con TEA.

No hay comentarios:

Publicar un comentario