O programa de envellecemento activo, ao que se adheriron un total de 44 vilas, impartirase ata o 15 de xaneiro de 2017
A Xunta de Goberno da Deputación de
Pontevedra vén de aprobar a ampliación do prazo de impartición e a concesión de
segundos obradoiros do programa do servizo de Cohesión Social e Xuventude
“Tecendo lazos”. Deste xeito o programa de envellecemento activo, no que
participan nenas e nenos, nais e pais e avós e avoas de 44 concellos da
provincia de Pontevedra creando espazos de encontro interxeracionais,
impartirase ata o vindeiro 15 de xaneiro en 16 desas vilas, en concreto Arbo,
Baiona, Barro, Cerdedo-Cotobade, Fornelos de Montes, Gondomar, Illa de Arousa,
Moaña, Mondariz, Nigrán, Ponte Caldelas, Pontecesures, Rodeiro, Soutomaior,
Valga e Vilaboa.
Ademais tres concellos, Cerdedo-Cotobade,
Nigrán e O Rosal, solicitaron poder impartir un segundo obradoiro debido á alta
solicitude de participación nos mesmos. Neste senso, destacan casos como o de
Nigrán, na que xa comezou un dos dous obradoiros de “Sabores do mundo” e no que
se inscribiron 57 persoas, cando o número máximo de participantes por cada unha
das actividades é de 30.
“Tecendo lazos” ten por obxectivo fomentar o
envellecemento activo, mellorando a actividade física, cognitiva e social das
persoas maiores e, entre as máis novas, as súas habilidades sociais e empatía
de cara ao resto das xeracións. O
programa tamén ofrece un espazo de encontro e intercambio de experiencias que
potencien movementos de participación e cooperación social a través de talleres
englobados nas áreas “Risos en familia”, “Coas mans nos pucheiros”, “Álbum
familiar”, “Brincadeiras de sempre” e “O noso son”. “Tecendo lazos”, ao que se
adheriron un total de 44 vilas da provincia de Pontevedra, está dirixido ás
persoas residentes dos concellos de menos de 20.000 habitantes e conta cun
orzamento da Deputación de Pontevedra de 60.000 €.
No hay comentarios:
Publicar un comentario