O titular da Xunta presidiu a toma de posesión dos novos delegados territoriais
§ Incide en que serán “os teléfonos de atención ao cidadán” da Administración autonómica en todo o territorio
§ Recoñece o traballo dos cinco delegados saíntes, aos que agradece o seu labor ao longo destes anos
§ Refírese a Antonio Rodríguez Miranda, que tomou novamente posesión como secretario xeral da Emigración, como “un coñecedor da emigración e unha persoa querida na emigración”
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe que a experiencia dos novos delegados territoriais da Xunta vai ser útil no seu labor de enlace entre a Xunta e a cidadanía.
Durante o acto de toma de posesión, Feijóo subliñou que “todos chegan despois de ter experiencia, non chegan a aprender” e, polo tanto, “van dar cumprida resposta aos problemas concretados en cada ámbito territorial”.
Deste xeito, o responsable do Goberno galego deu a benvida a Marta Fernández-Tapias, que despois de ser directora xeral de Administración Local, “ten unha visión global” que achegará desde Vigo e a súa área para que esta siga sendo “un polo industrial potente que nos leve cara á reactivación económica”. De Luisa Piñeiro, ex alcaldesa de Moraña e agora delegada en Pontevedra, destacou o seu coñecemento do sector rural pola súa formación e “tamén ás súas xentes”.
Así mesmo, deu a benvida a Gabriel Alén, “moi bo coñecedor da provincia de Ourense”, que como alcalde de Cenlle, na comarca do Ribeiro, “coñece ben que para colleitar a uva é necesario coidar a terra, as cepas, vendimalas e ter sorte”. A Javier Arias, do que destacou o seu traballo como xefe territorial da Consellería de Infraestruturas en Lugo e polo tanto “coñece ben a comunicación e a vertebración da provincia”. E por último, de Gonzalo Trenor, delegado na Coruña, valorou “que estivo como director do Plan Ferrol e polo tanto coñece ben a necesidade dos lugares máis castigados pola crise económica”.
Ademais, o titular da Xunta dixo que serán “os teléfonos de atención ao cidadán” da Administración autonómica en todo o territorio galego e incidiu en que “terán relación coas deputacións, coas alcaldesas e os alcaldes, pero sobre todo cos cidadáns”.
“A Xunta é a Administración máis importante desde o punto de vista das necesidades e das demandas dos cidadáns en Galicia, e a nós correspóndenos satisfacer na medida das nosas posibilidades esas demandas. E no caso de que non poidamos facelo, buscar as ferramentas para conseguilo”, sinalou.
Ao longo do acto, Feijóo referiuse tamén ao “sexto delegado territorial”, Antonio Rodríguez Miranda, que tomou novamente posesión do seu cargo como secretario xeral da Emigración, que repite mandato “non só porque o Goberno o considerara así, senón porque todos os centros e asociacións galegas no exterior así o trasladaron”. “É un coñecedor da emigración e unha persoa querida na emigración”, salientou.
Por último, o titular da Xunta tivo unhas palabras de recoñecemento para o traballo dos delegados saíntes, aos que agradeceu o seu labor ao longo destes anos. Deulle as grazas a José Manuel Cores Tourís, unha persoa “que coñece ben as necesidades de Pontevedra e a importancia da serenidade e da tranquilidade para diagnosticar problemas e, sobre todo, buscar solucións”. A José Manuel Balseiro, “que durante estes últimos catro anos percorreu varias veces a provincia de Lugo, fixo miles de quilómetros” para servir a todo o seu territorio. E a Marisol Díaz Mouteira, “unha técnica sólida” que coñece moi ben a provincia de Ourense e “comprometida desde o primeiro instante ata o final para mellorar o funcionamento na provincia dos servizos públicos da Xunta”.
Deulle as grazas tamén a Corina Porro, que agora desde a Mesa da Cámara “seguirá servindo a Galicia, á provincia de Pontevedra e a Vigo”. E a Ovidio Rodeiro, que “con talante e ilusión estivo sempre ao carón dos concellos da provincia da Coruña”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario