O obxectivo é aumentar a competitividade dos viticultores mediante unha redución de custos, unha mellora dos sistemas de produción sustentables e unha maior orientación aos diferentes mercados, ao tempo que se promove a remuda xeracional
A Xunta mantén aberto -deica o vindeiro luns 2 maio- o prazo para solicitar as axudas deste ano á reestruturación e reconversión da viña en Galicia. Contan cun orzamento de 3 millóns de euros para os exercicios de 2022, 2023 e 2024.
O obxecto desta liña de achegas é aumentar a competitividade dos produtores vitivinícolas, mellorar os sistemas de produción sustentables e a pegada ambiental deste sector produtivo. Así, preténdese diminuír os custos das explotacións e apostar polo seu redimensionamento ao levar a cabo reaxustes estruturais. Tamén se fomenta a adaptación das variedades ás demandas do consumidor, ao tempo que se preservan as viníferas autóctonas galegas, de menores rendementos e elevada calidade diferenciada, aproveitando así a gran vantaxe competitiva que supón a súa diferenciación no mercado.
Deste xeito, a través destas achegas aumenta o grao de profesionalización do sector vitícola galego, ao tempo que se potencia a remuda xeracional e un desenvolvemento rural socialmente viable facilitando o acceso ás explotacións de persoas viticultoras mozas e capacitadas, en particular das mulleres viticultoras de Galicia.
Poderán beneficiarse destas axudas as persoas viticultoras inscritas no Rexistro Vitícola cuxas viñas se destinen á produción de uva para vinificación, cunha superficie máxima subvencionable de 10 hectáreas por persoa viticultora e ano. Estas achegas aplicaranse ás superficies vitícolas onde se leven a cabo operacións de reimplantación de viñas, reconversión varietal e/ou melloras das técnicas de xestión das viñas.
Cabe recordar que cada viticultor deberá seleccionar o seu propio calendario de execución, escollendo entre unha execución anual ou bienal. Os beneficiarios poderán solicitar anticipos de ata un 80% da axuda aprobada, no caso de que precisen efectuar pagamentos inmediatos dado o investimento proxectado, sempre e cando constitúan unha garantía por un importe cando menos igual ao do pago anticipado.
Enlace á orde no DOG, publicada o pasado 30 de marzo:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220330/AnuncioG0426-280322-0006_gl.html
No hay comentarios:
Publicar un comentario