A filosofía do club barrense resúmese co seu lema 'con respecto gañamos todos' e coa foto da concordia, coa que os dous equipos se retratan xuntos ao rematar o partido
O Barro Club de Fútbol é o representante perfecto do que debe ser o fútbol comarcal. Un pequeno concello da comarca de Pontevedra dalle acubillo a uns 160 xogadores de tódalas categorías, desde os máis pequenos ata os veteráns. E faino desde un punto de vista sempre educativo, intentando que a competición non se interpoña no camiño do sentido común e a formación persoal. Gañar non pode custar calquera prezo.
O club foi fundado en 1990, como iniciativa do director do colexio público, coa colaboración do Concello, coa fin de que os máis pequenos puidesen realizar deporte de maneira federada sen teren que marchar a outras vilas. Hoxe conta con dez equipos federados: biberón, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil, sénior, veteráns e sénior feminino. Tanto os conxuntos da categoria biberón como o equipo feminino son de fútbol sala. A entidade quere facer un chamamento ás rapazas para que se acheguen a practicar deporte coa súa camisola. É un dos pequenos déficits que ten a entidade, que conta unicamente con catro nenas nas diferentes categorías base, máis alá do conxunto sénior feminino.
O 95 por cento dos deportistas que forman parte das escadras da entidade son oriundos do concello de Barro, aínda que tamén hai xogadores que proceden de localidades limítrofes. A esencia, como explica José Sanmartín, presidente, é “que os nenos de Barro teñan un club onde participar, que poidan xogar. O obxectivo é formar, independentemente de que sexan peores ou mellores xogadores”.
O club está formado por dez equipos e un total de 160 deportistas
Para poder aplicar esa filosofía, o club fichou un novo coordinador que implantou unha meteodoloxía homoxénea para tódolos equipos. Tódolos adestradores da entidade contan con título. A intención é contar con persoal o máis formado posible para poder transmitir o coñecemento aos xogadores.
O Barro superou a pandemia con boa nota e foi quen de sobrevivir á perda de compoñentes durante o tempo prolongado de limitacións por protocolos covid e suspensión de competicións oficiais. Durante a temporada pasada 20-21, na que non houbo partidos en categorías base e nas máis baixas do fútbol rexional, o club retomou os adestramentos en abril para manter a chama do fútbol viva nos seus rapaces. “Houbo nenos que tardaron en voltar, pero o 95 por cento fixérono”, destaca o máximo mandatario.
Unha das metas do club é permitirlle aos xogadores completar o ciclo de tódalas categorías, desde biberón ou benxamíns ata sénior. O meirande parte dos futbolistas do primeiro conxunto ou fixeron o ciclo enteiro, ou parcialmente, ou tiveron pasado na base do club e regresaron.
A entidade intenta provomer o respecto e o bo ambiente nas relacións co colectivo arbitral e cos equipos rivais
Pero sen dúbida, o factor distintivo do Barro é a súa pelexa por educar en fair-play. O seu lema con respecto gañamos todos, exhíbese en tódolos partidos. Por megafonía, nos partidos, emiten mensaxes de respecto cara os rivais e os colexiados, e aínda que “non sempre o conseguimos”, lograron sementar respecto. Para rematar cada partido, sempre proponen a foto da concordia: foto na que saen retratados os xogadores dos dous conxuntos, co afán de dar normalidade e fomentar a rivalidade sa.
“Somos moi respectados tanto polos rivais como polo colectivo arbitral. Para nós é o máis importante que ten o club”, explica Sanmartín. Ademais, o Barro aposta pola integración. Como mostra, a fichaxe de Sasha, rapaz ucraíno que tivo que deixar o país pola guerra e que compite cos seus cadetes.
https://www.diariodepontevedra.es/articulo/deporte-local-pontevedra/barro-cf-futbol-exemplar/202204042045591194144.html
No hay comentarios:
Publicar un comentario