Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

viernes, 2 de diciembre de 2016

"Eu o que son é un contador de historias"


O creador de Barro Francisco Remiseiro inaugura a exposición 'De catedral en catedral' en About Art

Esculturas como bonecos. Di Francisco Remiseiro (Barro, 1975) que, dalgún xeito, así trata el as súas pezas: introducíndoas nun relato. O creador inaugura este xoves a exposición De catedral en catedral na galería About Art de Pontevedra.

"O título da mostra refírese a unha actitude, unha actitude de búsqueda", explica Remiseiro. "Ten que ver coa descrición dun itinerario polo que pasan moitos artistas, indo dun lugar para outro, intentando atopar un espazo para a súa obra. De catedral en catedral describe ese proceso de búsqueda". En About Art presenta unha recompilación de pezas dos últimos catro anos. "É unha selección de traballos moi escollidos, de pezas pequenas, todas cun fío en común: estar talladas en madeira, nunha escala moi semellante e enmarcadas nun discurso común. Penso que é un proxecto especialmente axeitado para un espazo coma este". Na galería pontevedresa poderá visitarse o seu traballo ata o 13 de xaneiro.

De formación autodidacta, Francisco Remiseiro entrou en contacto cos oficios tradicionais na infancia. A eles remite en varias ocasións a través do seu discurso. "É certo. Hai como un trasvase de información entre o mundo dos oficios artesanais e a miña obra", explica. "Pero eu non me considero un ebanista nin un canteiro, aínda que si que recoñezo que saquei moitísimas cousas dese mundo e que me foron válidas. Son como oficios satélites que a min me serven". O que pasa é que el vese a si mesmo doutra maneira. "Eu realmente o que son é un contador de historias. Para min o máis importante é a historia. A xente pode ver ou non que detrás de cada peza hai moitísimo traballo, eu non reivindico iso nunca, dáme igual. A miña obra é moi narrativa. O que quero é que ao espectador lle chegue a miña mensaxe".

Para trasladarlla ao público, Remiseiro inaugurará a súa exposición cunha performance. "Non é a primeira vez que a fago, pero gustaríame que funcionase como unha pequena sorpresa. Vai ser unha experiencia bonita e entenrecedora, unha especie de conexión co mundo que tanto me gusta dos oficios, con ese universo ancestral".

XOGUETES. Na obra escultórica de Remiseiro, a figuración é unha constante. "Son un escultor que basicamente traballa con figuración e iso mesmo é ao que máis recurro, á figura humana", conta o creadore. "Tamén é verdade que quizais o espectador aprecie que son pezas hiperrealistas, pero se se observan detidamente, un decátase de que teñen moitísimo artificio". Segundo di, a el gústalle pensar nas súas pezas, "máis que como seres humanos, como bonecos humanizados". E confesa: "interésame moito o tema dos xoguetes, a escultura, non como algo que intenta imitar o real, senón como un artificio, aínda que nel poidamos recoñecer algo humano".

Na infancia tamén está, para o escultor, a orixe da súa vocación. "Cando teño reflexionado sobre como comecei concluín que, ao final, todo é unha continuación da infancia. Agora xa non hai marcha atrás. Xa non sirvo para outra cousa. Todo comeza sendo moi pouco serio, pero chega un momento no que a obra te atrapa e segues para ver que pasa".

http://diariodepontevedra.galiciae.com/noticia/631208/eu-o-que-son-e-un-contador-de-historias


No hay comentarios:

Publicar un comentario