AS LOCALIDADES PARA O PARTIDO QUE ENFRONTARÁ EN PASARÓN ÁS SELECCIÓNS DE ESPAÑA E ARABIA SAUDÍ OSCILARÁN ENTRE OS 60 E OS 35 € E PODERÁN SER ADQUIRIDAS EN INTERNET OU NA TAQUILLA DO ESTADIO - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

viernes, 17 de agosto de 2012

AS LOCALIDADES PARA O PARTIDO QUE ENFRONTARÁ EN PASARÓN ÁS SELECCIÓNS DE ESPAÑA E ARABIA SAUDÍ OSCILARÁN ENTRE OS 60 E OS 35 € E PODERÁN SER ADQUIRIDAS EN INTERNET OU NA TAQUILLA DO ESTADIO


A Deputación instalará pantallas na avenida de Montero Ríos para seguir en directo o partido e a Selección o seu Museo itinerante onde se poderán visitar as copas de Europa e do Mundo conquistadas pola “Roja”

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, e o coordinador de partidos da Federación Española de Fútbol, Miguel Ángel López González, deron hoxe a coñecer o sistema de venda de localidades que se vai a utilizar con motivo do partido que enfrontará en Pasarón o vindeiro día 7 de setembro ás 22:00 horas á Selección Española de Fútbol e a Arabia Saudí, nun partido internacional amizoso.

Os prezos oscilarán entre os 60 euros a máis cara na grada de Tribuna e a máis económica de 35 euros nas gradas norte e sur inferior. No caso das persoas con discapacidade a entrada variará entre os 25 euros en Tribuna e os 15 euros na grada norte. “Son os prezos habituais neste tipo de partidos” dixo López González.

Habilitaranse dous sistemas para a compra de entradas. Por unha banda, a través de www.ticketmaster.es e mediante os caixeiros de La Caixa a partir do xoves 23 de agosto a partires das 12:00 horas e ata dúas horas antes de que comece o partido. O número de localidades á venda a través de internet será limitado para garantir a existencia de entradas nas propias taquillas do estadio para os socios e para o público.

A segunda modalidade de compra será no propio estadio de Pasarón. Os socios do Pontevedra terán preferencia e a eles destinarase outro paquete fixo de entradas que poderán adquirir o xoves 30 e 31 de agosto de 10:00 horas a 14:00 horas e de 17:00 horas a 20:00 horas. O resto do público poderá adquirilas a partires do luns, 3 de setembro de 10:00 horas a 14:00 horas e de 17:00 horas a 20:00 horas. Para Miguel Ángel López González “os sempre teñen unha preferencia respecto do público en xeral neste tipo de partidos posto que son os que apoian o club local perante a todo o ano”. Non obstante, “vaise a limitar a venda cunha única localidade por socio” informaron.

O de Pasarón é o campo con menos aforo de todos os que ten xogado a selección ata o momento. En total dispón de 10.923 localidades das cales se porán á venda 6.500. As restantes entradas, que xestionará a Real Federación de Fútbol, irán dirixidas ós sponsors, compromisos institucionais da federación, autoridades, persoal de traballo, etc.

Sobre o tema do aforo o presidente da Deputación, Rafael Louzán, transmitiu unha mensaxe de tranquilidade á afección . Asegurou que “ante a dificultade que se vai a producir pola falta de espazo en relación coa demanda, temos que ser conscientes da importancia que supón que a selección española, dobremente campiona de europa e campiona do mundo, veña á cidade e á provincia de Pontevedra”. Precisamente, para que toda a cidadanía poda disfrutar da presenza da selección en Pontevedra vanse a organizar multitude de actividades paralelas.

Así, informou Louzán, vanse a instalar pantallas grandes na Avenida de Montero Ríos para que os que non poidan asistir ó campo teñan a oportunidade de ver o partido e ó mesmo tempo visitar o museo itinerante da selección que estará instalado neste mesmo espazo en varias carpas. Aquí, poderanse visitar os trofeos da última copa de Europa, da copa do Mundo e, posiblemente, da copa de Europa gañada no ano 2008”.

Ademais, haberá outras actividades como os adestramentos dos equipos en Pasarón, roldas de prensa a cargo de fútbolistas e do entrenador da selección, etc. O partido será retransmitido en directo por Televisión Española.

Finalmente, compre comentar que esta información foi ofrecida hoxe polo presidente da Deputación, Rafael Louzán, e polo coordinador de partidos da Federación Española de Fútbol, Miguel Ángel López González, tras manter unha xuntanza de traballo e coordinación no Pazo Provincial na que se abordaron cuestións relacionadas coa seguridade, megafonía, os accesos, estado do céspede etc. Miguel Ángel López considerou que as instalacións de Pasarón e o propio céspede do terreo de xogo están perfectamente adaptados ás esixencias da Federación.

No hay comentarios:

Publicar un comentario