Coa apertura do ramal que permite os movementos directos entre a Autovía do Salnés, a nova glorieta e a estrada PO-531 cara Pontevedra, e viceversa
§ Coa apertura total desta nova estrutura cúmprese e ratificase o compromiso do actual Goberno de poñer a disposición dos cidadáns esta obra en 2012
§ A Xunta avanza un paso máis na súa liña de actuación, rematar as obras en execución e poñelas ao servizo da sociedade galega, tal e como fixo coa variante de Marín
§ Esta nova infraestrutura conecta o tráfico coas vías de alta capacidade e mellora as comunicacións viarias, ordenando e canalizando a elevada intensidade de tráfico
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas completa a posta en servizo da totalidade de ramais do Nó de curro. Dende o sábado, 11 de agosto, a Xunta pon en servizo a totalidade de movementos no Nó de Curro, xa que dende a xornada de mañá os vehículos procedentes da Autovía do Salnés que circulen en dirección a Pontevedra, ou o movemento á viceversa, poderán empregar os ramais directos, sen a necesidade de circular pola rotonda elevada.
Deste xeito, ratificase un compromiso máis do actual Goberno de rematar as obras na súa totalidade no ano 2012, tal e como anunciara o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, durante a presentación do proxecto do Nó de Curro.
Este proxecto trátase dunha infraestrutura con varios niveis, que implicou un investimento de 39 millóns de euros, que vai conectar a autoestrada AP-9, a Autovía do Salnés (AG-41) e as futuras autovías Pontevedra-Vilagarcía (AG-47) e Pontevedra-Vigo (A-57). Estímase que por este nó circulará unha intensidade media de 17.000 vehículos/día, que superará os 25.000 vehículos/día nos meses estivais, é dicir, máis de 6 millóns de vehículos nun ano.
Esta nova infraestrutura conecta o tráfico da zona industrial de Pontevedra coas vías de alta capacidade, mellorando substancialmente as comunicacións viarias de Pontevedra, ordenando e canalizando a elevada intensidade de tráfico que conflúe na rede de alta capacidade, especialmente coa Autovía do Salnés, e sacando do entramado urbano do núcleo de Curro o tráfico de entrada e saída do enlace.
Cómpre recordar que para a súa execución tivéronse en conta as reivindicacións veciñais, reducíndose ao mínimo o impacto sobre as áreas residenciais, e o traballo realizado pola Axencia Galega de Infraestruturas para desbloquear a construción do Nó de Curro e conseguir un deseño funcional que respondera ás necesidades da zona.
Enlace en Curro con vías de alta capacidade
O enlace en Curro é un intercambiador de tráficos entre a autoestrada AP-9, a Autovía do Salnés (AG-41), a futura autovía a Vilagarcía (AG-47), a futura A-57 e a rede de estradas da zona (PO-531 Pontevedra – Vilagarcía, PO-300 Meis – Ribadumia – Cambados – Vilanova de Arousa) e os polígonos industriais en desenvolvemento en Barro e Meis.
O enlace desenvolveuse en tres niveis, coas seguintes características:
§ Nivel 1: Continuidade da Autovía do Salnés AG-41 coa Autoestrada AP-9 integramente en autovía, o que mellora a solución anterior.
§ Nivel 2: Glorieta de 180 metros de diámetro que conecta: a antiga estrada PO-531 que serve aos polígonos, a estrada PO-531 en dirección Vilagarcía de Arousa (onde sae a PO-300 en dirección Cambados) e os 8 ramais que conectan aos troncos principais (niveis 1 e 3).
§ Nivel 3: Continuidade da estrada PO-531 dirección Pontevedra coa futura Autovía a Vilagarcía de Arousa AG-47.
Ademais, habilitáronse carrís para movementos exteriores á glorieta que conectan directamente:
§ Autoestrada AP-9 coa Autovía de Vilagarcía AG-47 en ambos sentidos.
§ Estrada PO-531 (Pontevedra – Vilagarcía) coa Autovía do Salnés AG-41 en ambos sentidos.
Este enlace supón un investimento de 39 millóns de euros. Para desenvolvelo foi necesario construír 9 pasos inferiores, 4 pasos superiores e 2 glorietas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario